Pontevedra combaterá a soidade dos maiores cun servizo de lectura

Un grupo de voluntarios visitará aos anciáns nas súas casas para compartir tempo entre libros ►O programa estrearase esta primavera
Una mujer paseando por la ciudad.
photo_camera Una mujer paseando por la ciudad.

O Concello quere combater a soidade dos maiores a través dos libros. A iniciativa, que se porá en marcha ao longo desta primavera, promoverá o contacto entre mozos e anciáns por medio da lectura. A idea inicial é que un grupo de voluntarios visite a estas persoas nas súas casas para ler e, se xorde, facer algunha outra actividade.

"Moita xente non é consciente do día no que vive. Por iso, ou interesante é que identifiquen que, por exemplo, os mércores lle vai ir alguén á casa a ler. Os libros son a mellor compañía neste tipo de casos", explicou o venres a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.

Para que o proxecto sexa unha realidade fan falta varias cousas. A principal é atopar xente disposta a participar neste servizo, que estará coordinado pola Oficina do Voluntariado de Pontevedra. "Xa temos un grupo de persoas interesadas. Pero buscamos máis", apuntou Fouces.

Outro dos asuntos sobre os que traballa o Concello é coñecer cantas persoas de idade avanzada viven soas na cidade. Na actualidade non existe un censo deste tipo, pero tratará de elaborarse un a través de dúas vías: a información que poidan proporcionar os centros de día de Pontevedra e a través do Servizo de Axuda no Fogar, o SAF, que presta asistencia aos anciáns pontevedreses nos seus domicilios.

O SAF presta atención a unha media de 140 maiores ao ano e a súa atención é asumida por unha empresa externa ao Concello.

Unha vez realizado esta especie de mapa de persoas maiores e pechado o grupo de voluntarios, para o que se solicitará a colaboración da Universidade de Vigo, o seguinte paso será a creación dun fondo de libros para este servizo. A intención do Concello é asinar un convenio de cesión coa Biblioteca Pública, un organismo dependente da Xunta. Desta forma, garantirase o material suficiente para estrear esta iniciativa.

CÓMO AXUDAR. Respecto dos custos da mesma, a responsable de Benestar Social recordou que serán "mínimos". Ao tratarse dunha iniciativa voluntaria, o único gasto será o propio da estrutura da Oficina de Voluntariado.

Este departamento foi creado no ano 2015 pola Concellería co obxectivo de crear unha rede de colaboradores permanentes e para distintos eventos na cidade: desde iniciativas de carácter social, como as que organiza a plataforma Redeaxuda, ata outras vinculadas ao deporte, como poden ser probas ou campionatos de distintas disciplinas, ou relacionadas co albergue de peregrinos.

Para ser voluntario só hai que cumprir dous requisitos: ter 16 anos e estar comprometido coa axuda desinteresada a terceiros. Os demandantes recibirán un curso de formación para poder participar nos programas municipais que precisen os seus servizos. As persoas interesadas poderán obter máis información na Casa Azul.

Comentarios