Pontevedra conxela todas as súas taxas e impostos por sexto ano consecutivo

González Carballo presume de que a capital provincial ten unha das presións fiscais "máis baixas de España" ► O edil de Facenda prevé activar en 2020 os cambios do recibo da auga para que veciños e comerciantes paguen só polo que consuman
Raimundo González Carballo. ADP
photo_camera Raimundo González Carballo. ADP

O Concello de Pontevedra conxelará todas as súas taxas e impostos en 2020. Farao por sexto ano consecutivo, como este mércores confirmou en rolda de prensa o concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo.

A medida afectará a 27 ordenanzas fiscais como o Imposto de Bens Inmobles (IBI), a viñeta ou os recibos da auga, o saneamento ou o lixo.

González Carballo presumiu de que Pontevedra é un dos municipios de España con menor presión fiscal. Para iso botou man dun informe do Ministerio de Facenda que inclúe os 8.116 municipios do país. Nel ponse de manifesto que a capital das Rías Baixas ocupa o posto 2.299 no pago do IBI. É dicir, que hai 5.817 localidades con facturas máis caras da denominada contribución.

O capítulo impositivo supón a antesala do que será o novo Orzamento municipal do ano que vén, o primeiro que pactará o bipartito este mandato. O edil nacionalista asegurou que as negociacións para a repartición dos fondos cos seus compañeiros socialistas aínda non comezou. Primeiro teranse que pechar os gastos fixos, como os de persoal.

O Concello prevé un aumento salarial para o seu persoal en 2020. Será do 2%, tal e como estaba previsto no convenio que os sindicatos asinaron en Madrid co Goberno central para o seguinte exercicio. Desta forma, Pontevedra reservará os fondos necesarios para dar resposta ás previsións do Executivo estatal.

En canto ás transferencias do Estado, González Carballo asegurou que o Orzamento municipal aplicará un "criterio conservador" ao usar como referencia para elaborar o documento o diñeiro que Madrid tiña previsto enviar a Pontevedra o exercicio anterior: preto de 19 millóns de euros.

A preguntas dos xornalistas sobre o cambio de ordenanza que permitirá que veciños e comerciantes paguen só pola auga consumida, o concelleiro do BNG afirmou que a previsión é activar esta modificación en 2020. Desta forma darase cumprimento a un dos compromisos incluídos no novo contrato do servizo de abastecemento, que xestiona a empresa Viaqua. Nel eliminaranse, por primeira vez, os consumos mínimos que ata agora pagaban os propietarios de vivendas (15 metros cúbicos) e negocios (45 metros cúbicos) cada dous meses independentemente do gasto de recursos hídricos.

Comentarios