Pontevedra, declarado concello antitaurino

A corporación municipal solicita a retirada do escudo franquista da Audiencia Provincial

 

Pasada convocatoria da manifestación contra as touradas en Pontevedra. ARCHIVO/OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Manifestación contra as touradas en Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ

O Concello de Pontevedra súmase ás administracións contrarias aos espectáculos onde se someta aos animais a torturas, malos tratos ou violencia, sumándose oficialmente aos concellos e deputacións galegas declarados antitaurinos

Marea Pontevedra, que impulsaba esta declaración contou cos votos a favor do BNG e o PSOE. Votaron en contra os sete concelleiros do PP. A concelleira de Ciudadanos, María Rey, non puido asistir ao pleno.

A moción inicial de Marea, presentada tras a petición da plataforma Galicia, Mellor sen Touradas, tiña dous obxectivos: declarar a Pontevedra concello contrario á tortura e malos tratos animais e instar á Xunta de Galicia a realizar as modificacións lexislativas oportunas para vetar a realización de eventos tauromáquicos en Galicia. 

O texto finalmente aprobado engadiu dúas emendas. A primeira delas foi unha achega do BNG para que a moción tamén instase o Goberno central a prohibir a realización de eventos tauromáticos a nivel estatal. A segunda, un engadido do propio grupo municipal de Marea para que esa prohibición sexa a nivel europeo. 

Un despropósito histórico e democrático necesario de reparar

Doutra banda. a corporación municipal decidiu por unanimidade, este luns, solicitar a retirada efectiva, no menor tempo posible, do escudo franquista que existe actualmente na fachada da Audiencia Provincial da rúa Rosalía de Castro, "un despropósito histórico e democrático necesario de reparar".

O pleno, seguindo co seu compromiso de cumprir e contribuír a facer cumprir a Lei da Memoria Histórica, fará chegar o acordo plenario ao presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez; ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e á ministra de Xustiza do Goberno de España, Dolores Delgado.

Comentarios