O Servizo Municipal de Medio Ambiente detectou "claros indicios de agresión" contra dúas árbores (plátanos) situadas na avenida de Bos Aires, nas inmediacións dun grupo de vivendas próximas á pasarela peonil sobre o Lérez.
Segundo indica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, "estas árbores atópanse xa practicamente secas e os nosos técnicos están estudando o estado de saúde doutros exemplares por se houbese outras afectadas".
Non obstante, para o edil socialista "parece claro que se trata dun ataque intencionado", posto que "os plátanos foron secados mediante a inxección dun produto tóxico e a ferida producida tapouse cunha ramiña para que pasara inadvertida, simulando así a morte natural do exemplar".
Puentes asegura que o seu departamento trasladará estes indicios á Policía Local para que investigue "o que supón unha agresión contra o patrimonio vexetal municipal" e se localice "ao responsable ou responsables". "As árbores forman parte do noso patrimonio e ningún cidadán pode actuar de xeito incívico contra elas e tomarse a liberdade de agredilas e matalas en pleno espazo público sen afrontar as correspondentes consecuencias e sancións", sentenza.
En todo caso, Iván Puentes avanza a súa intención de "substituír por outros exemplares de gran porte os plátanos secos a causa da inxección de produtos tóxicos".