Pontevedra difunde a memoria histórica entre os mozos a través de TikTok

O Concello recupera a figura de mulleres que foron represaliadas ou silenciadas a través dos vídeos das 'influencers' Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa ►A primeira peza está dedicada a Virxinia Pereira
Xaquín Moreda dialoga coas creadoras Laura Franco e Leti da Taberna, durante a presentación da campaña. DAVID FREIRE
photo_camera Xaquín Moreda dialoga coas creadoras Laura Franco e Leti da Taberna, durante a presentación da campaña. DAVID FREIRE

O programa A memoria das mulleres, impulsado polo Concello de Pontevedra para rescatar a figura de mulleres que foron represaliadas ou silenciadas, recorrerá á rede social TikTok para difundir a memoria histórica entre mozos.

Tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa, serán as encargadas de ofrecer a súa particular visión sobre a loita antifascista de diferentes mulleres de Pontevedra a través da publicación de vídeos nesta rede.

O edil de memoria histórica en Pontevedra, Xaquín Moreda, explicou que o Concello levaba un tempo coa "obsesión" de achegar a memoria histórica aos máis novos, polo que optaron por unha canle "que está a triunfar" entre as novas xeracións.

Será cun contido dixital que pretende fomentar a memoria con "perspectiva de xénero" e facelo utilizando unha linguaxe "que poida ser atractivo" para este público.

O Goberno municipal de Pontevedra entende que para frear o avance de posturas ideolóxicas "incompatibles" coa democracia, é necesario formar á mocidade "en valores dignos dun Estado de dereito" e facela coñecedora da historia "para garantir que non volva repetirse", sinalou o concelleiro do BNG.

Na selección das creadoras que colaborarán con esta iniciativa, segundo Moreda, os seus responsables tiveron en conta a aposta pola lingua galega e o feminismo de todas elas, así como a súa "retranca" e a súa "contundencia" na defensa dos "valores antifascistas".

O primeiro dos vídeos desta campaña xa foi publicado e está dedicado á figura de Virxinia Pereira. "Xa vos digo eu que Virxi e eu íamos ser best friends (mellores amigas)", di neste primeiro contido Laura Franco mentres destaca dela a súa loita contra a ditadura franquista ou o seu labor para protexer o legado artístico e político do seu marido, Castelao.

@laurafranco111

##AMemoriaDasMulleres ##DoGrisAoVioleta ##ConcelloDePontevedra 🙏🏽🔥

♬ sonido original - Laura Franco

 

Comentarios