Pontevedra gaña o seu sétimo premio internacional pola súa seguridade viaria

O xurado asegura quedar "impresionado", entre outras medidas, cos límites de velocidade que oscilan entre os 10 e os 30 quilómetros por hora
Un peatón cruzando por un paso de cebra en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un peón cruzando por un paso de peóns en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra gañou o primeiro premio de Seguridade Viaria Urbana da Comisión Europea. A cidade do Lérez quedara finalista con Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía), entre outras 26 que concorreron a este premio. 

A Comisión Europea premia as boas prácticas da capital da provincia en materia de mobilidade sostible destacando que a Boa Vila logrou reducir as mortes na estrada de xeito "consistente" desde 1999. De 1994 a 1999, os falecidos por accidente de tráfico en vías urbanas foi de 25. A cifra reduciuse a once no período de 2000 a 2005 e a cinco entre os anos 2006 e 2011. Desde entón, non se rexistraron máis vítimas mortais.

"Espero que isto sirva de inspiración para os pobos e cidades que están a reconsiderar as súas estratexias de mobilidade, especialmente por mor da pandemia actual", trasladou a comisionada de Transporte, Adina Valean. 

O xurado asegura quedar "impresionado", entre outras medidas, cos límites de velocidade que oscilan entre os 10 e os 30 quilómetros por hora, con que o 80% dos nenos vaian sos á escola ou coa creación de espazos públicos "atractivos" para os cidadáns. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comunicou a noticia ao resto de membros da Corporación municipal ao terminar o pleno celebrado este luns.

REFERENCIA INTERNACIONAL. Nunha posterior comparecencia ante os xornalistas valorou o premio como "unha gran satisfacción" e celebrou que "Pontevedra está a situarse ben no mundo". 

O rexedor do BNG recordou que a cidade foi invitada por dous ministerios a participar no Cume do Clima, trasladando a súa experiencia sobre a redución da contaminación urbana

"Estamos a ser unha referencia a nivel internacional", destacou, tanto pola recuperación dos espazos urbanos como polo exemplo demostrado polos seus veciños ao saír á rúa nestes momentos de crise sanitaria. 

CANDIDATURA. Miguel Anxo Fernández Lores, informou no seu día que a candidatura pontevedresa centrouse en varios aspectos. O máis importante, que é o que dá nome ao premio, foron a baixada dos accidentes grazas ás medidas de prevención do modelo urbano, que aposta por reducir a velocidade á que circulan os coches para dar máis seguridade ao peón. 

Estaba previsto que Lores acudise a Bruxelas a recoller o galardón pero a crise do coronavirus fíxoo imposible.

Comentarios