Pontevedra honra á Rosalía feminista, loitadora e adiantada ao seu tempo

O acto institucional da Deputación provincial reivindicou a escritora como unha muller pioneira e inconformista, un nome universal
Foto de familia dos asistentes á homenaxe a Rosalía na Deputación de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Foto de familia dos asistentes á homenaxe a Rosalía na Deputación de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha cor, a violeta. Unha flor, a camelia de nome Rosalía. Unha voz, a de Uxía. Uns versos, os da autora de Follas Novas en boca dun grupo de nenos e nenas do CEIP Xunqueira 1. Foi o acto de homenaxe que acolleu o Pazo da Deputación Provincial para render homenaxe a Rosalía de Castro no 184 aniversario do seu nacemento

A presidenta do ente provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, ou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron neste acto institucional, ademais de representantes da cultura, arte e igualdade, que quixeron compartir esta xornada, que tivo a súa continuación coa proxección da imaxe e do pensamento da autora nas fachadas da Deputación. 

Reivindicar a vixencia do pensamento feminista e reivindicativo rosaliano foi a fin dun acto que se iniciou cun vídeo proxectado con varios dos seus escritos e que deu paso á actuación musical de Uxía, acompañada de Sergio Tannus (guitarra) e Santiago Cribeiro (acordeón), que interpretaron tres temas: Rosalía pequeniña, a versión de Narf de Bos Amores e Deiche o corazón na man. Como destacou a cantante, "para nós a figura de Rosalía é reverencial, e unha figura totalmente vixente, o reto que temos agora é que sexa universal".

Un sentimento que compartiron nas súas intervencións a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Rosalía é como Galicia . É nome de muller, epítome da muller galega adiantada ao seu tempo, loitadora, inconformista. Está máis presente que nunca porque o seu pensamento é un pensamento sempre vixente. Rosalía é nosa e é universal, porque o seu pensamento o era", salientou a presidenta.

A cantante Uxía dedicou a súa actuación ao músico Narf. DP

A cantante Uxía dedicou a súa actuación ó músico Narf. DP

Máis información, na edición impresa deste xoves de Diario de Pontevedra

Anna R. Figueiredo: "Ser Rosalía é un acto de rebeldía" 
A escritora Anna R. Figueiredo foi a encargada de dar lectura ó manifesto co que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía. Un texto, asinado por ela mesma, no que sinalou que "ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar" e subliñou a necesidade de reivindicar á autora e "engarzarte na gorxa para que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo". "Ser Rosalía un acto de rebeldía —dixo—, é unha acción política".

Comentarios