
O Concello dá outro "pistoletazo de saída" ao futuro contrato de lixos. O concelleiro de Residuos, Raimundo González Carballo, asegurou este venres que o obxectivo é que a nova concesión saia a licitación o próximo mes de marzo. Os pregos, que elabora a consultora Lagares Oca, terán que definir como será a nova limpeza viaria, a recollida de residuos e o seu tratamento, así como as campañas de desinfección e desratización.
A redacción do regulamento terá en conta a opinión da cidadanía. Por este motivo, a partir da semana que vén abrirase un período de consulta pública dun mes, a través da web municipal, para que os veciños expoñan as melloras que estimen oportunas.
Este proceso súmase á anterior fase de participación cidadá, que se pechou en marzo e a través do cal se recibiron máis de 400 suxestións. A maior parte delas viraron ao redor da necesidade de mellorar a reciclaxe e a compostaxe. "Isto proba que hai un forte compromiso social e ambiental da veciñanza", destacou González Carballo, que afirmou que o dos lixos será "o contrato máis importante do mandato".
O edil do BNG evitou avanzar o custo da nova concesión nin a duración da mesma. A estimación inicial realizada por Lagares Oca situaba o orzamento do contrato dos lixos entre once e 13 millóns de euros. A eles habería que sumar entre 20 e 23 millóns de euros, en concepto de melloras.
Canto máis separemos, máis reciclemos e menos enviemos a Sogama, menos pagaremos
A actual adxudicataria, Ferrovial Servizos (a antiga Cespa), cobra 5,95 millóns de euros ao ano pola limpeza viaria e a recollida de residuos, así como as campañas de desratización e limpeza dalgunhas dependencias públicas. Ademais desta contía, a empresa percibe máis de dous millóns de euros polos envíos a Sogama, que é a planta da Xunta que se encarga de incinerar o lixo.
Este método de tratamento dos residuos, a incineración, será penalizada en breve a través dunha nova Lei que promove o Goberno central para tratar de cumprir coas esixencias europeas en materia ambiental. A futura norma gravará con 20 euros cada tonelada de lixo que se queime, o que podería incrementar os custos que agora asumen os concellos por levar os seus residuos á planta de Cerceda.
González Carballo ten claro que a mellor forma de evitar esta situación e, de paso, coidar o planeta pasa pola compostaxe. "Canto máis separemos, máis reciclemos e menos enviemos a Sogama, menos pagaremos", recordou.
¿QUINTA PRÓRROGA? González Carballo, que tamén xestiona a carteira de Facenda, asegurou que o recibo do lixo non subirá en Pontevedra aínda que o servizo se encareza. "Non está na axenda", subliñou.
O novo servizo de lixos deberá estar implantado antes do próximo 9 de xuño, que é cando finaliza a actual concesión. En caso de non facelo, un escenario que o Concello non descarta, haberá que asinar outra prórroga, a quinta desde 1999. A última delas, que foi por tres anos, sacouse adiante para encaixar pór en marcha o plan de compostaxe.
PUNTOS LIMPOS. O futuro contrato de lixos obrigará a reciclar os restos de comida a través das tres patas do plan de compost: os colectores marróns, os composteros individuais e os comunitarios.
O regulamento incluirá a contratación de máis persoal do servizo, que agora conta con 125 traballadores, e a posta en marcha de novos programas. O punto limpo do Campiño completarase con outros móbiles para que os veciños poidan desfacerse de mobles ou electrodomésticos con máis facilidade e evitar así a aparición de vertedoiros.
Desde 2015
O Concello chegou a un acordo cos comuneiros da Canicouva para construír a planta no lugar do Loureiro. O pacto levou a firma dun contrato de aluguer dos terreos, que ocupan unha superficie de 100.000 metros cadrados, en decembro de 2015. A Comunidade de Montes ingresaría 20.000 euros ao ano por este arrendamento.
5.700 toneladas ao ano
O obxectivo inicial é que a planta da Canicouva trate 5.700 toneladas de biorresiduos ao ano.
39.000 veciños
O complexo recibiría o lixo duns 39.000 pontevedreses, o 46% da poboación.