Pontevedra oferta un Nadal feito á man

O 'Mercado de Nadal' na Praza de Abastos e a XIX edición de 'Pontenadal' na Praza do Teucro reúnen unha ampla variedade de postos de artesanía e agasallos para todos os públicos
Un dos stands da feira de artesanía e agasallo Pontenadal na Praza do Teucro. DAVID FREIRE
photo_camera Un dos stands da feira de artesanía e agasallo Pontenadal na Praza do Teucro. DAVID FREIRE

A estas alturas moitos paxes dos Reis Magos estarán aínda preguntándose que agasallos levarán para poñer debaixo das árbores de Nadal durante a noite do vindeiro 5 de xaneiro. Para os que aínda teñan dúbidas e queiran sorprender aos seus seres queridos con pezas únicas e feitas á man, na cidade de Pontevedra teñen ao seu alcance dúas mostras de artesanía nas que a orixinalidade é o ingrediente principal.

Unha delas, Pontenadal, está na Praza do Teucro, onde permanecerá aberta ata o mesmo 5 de xaneiro en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas.

Un dos stands da feira de artesanía e agasallo Pontenadal na Praza do Teucro. DAVID FREIRE

Esta cita é xa unha das referencias dos pontevedreses á hora de elixir agasallos nestas datas, pois este ano conta a súa edición número 19 e segue tan viva coma o primeiro día. Desde broches, abalorios e bolsos ata xoias, artigos de coiro, roupa, bonecos ou outros xoguetes confeccionados á man son algúns dos moitos produtos que poderán atopar as persoas que nestes días pasen pola carpa instalada nesta céntrica praza do casco histórico da Boa Vila.

Un dos stands da feira de artesanía e agasallo Pontenadal na Praza do Teucro. DAVID FREIRE

Pero ademais, na Praza de Abastos tamén se está a celebrar o Mercado de Nadal, unha iniciativa do Concello capitalino que reúne neste espazo de compras a preto dunha vintena de creadoras e creadores galegos.

É posible facer artesanía vegana? E moda feminista? Ou tocados de porcelana fría? Pois a resposta é si e quen queira comprobalo pode achegarse ata o Mercado e visitar os stands das e dos artistas que realizan este tipo de creacións e os doutros moitos igual de orixinais. Ana é unha das artesás que participou nesta iniciativa e expresou o seu desexo de que o Concello se comprometa a que esta feira se celebre máis veces, "cando volva haber outras festas ou datas especiais", dixo. De feito, sinalou que "as primeiras edicións sempre son máis complicadas porque hai que axustalo todo e, neste caso, foi necesario reunirnos para conseguir que se fixera un pouco máis de promoción, pero agora esa cuestión parece que quedou resolta", engadiu.

Un dos postos do Mercado de Nadal na Praza de Abastos de Pontevedra. DAVID FREIRE

O Mercado de Nadal ofrece cerámica, xoiería, moda e creación textil, accesorios, ilustración, libros de segunda man e de artista, edicións de autor, reciclados, arte alternativo, fotografía, creacións en coiro e tea, mandalas textís, fanzines, chapas, camisolas, láminas, tocados, deseño gráfico, estampación, etcétera.

Ademais, este xoves tamén se celebraron alí un obradoiro infantil, o taller O Mercado a oito mans e a presentación Da remendaxe ao upcycling polo colectivo de moda sustentable Fento, formado por Oui Jane! (moda feminista), Adoptaunaprenda (recuperación e transformación textil), Cetácea (moda vegana) e Seiriz (xogos e accesorios sustentables).

Obradoiro infantil na Praza de Abastos de Pontevedra. DAVID FREIRE