Pontevedra ponse a 'experimentar'

A cidade transformará cinco espazos emblemáticos para o I Festival de Deseño Urbano, que se inaugura este xoves ▶A mostra de arquitectura efémera está comisariada por Santos e Mera

A Praza de Ourense, a de Santa María, o espazo público fronte ao Mercado de Abastos, a Praza do Hospital e a Avenida de Montero Ríos amencerán mañá transformados. Porque se inaugura o I Festival de Deseño Urbano Experimenta Pontevedra, unha iniciativa da Concellería de Promoción da cidade, que dirixe Anabel Gulías, e que inclúe unha exposición de arquitectura efímera, comisariada por Santos e Mera Arquitectos, e que se prolongará dende mañá ao domingo 24 de xuño. Autores e comisarios realizarán cada día visitas guiadas ás distintas intervencións ás 19.00 horas (con saída da Praza de Ourense).

"Arquitectura, arte, deseño urbano, diálogo e reflexión. Son os vimbios que tecen Experimenta Pontevedra", explica o Concello. "A iniciativa transformará dun xeito radical cinco espazos públicos emblemáticos da cidade".

Xoán Anleo intervirá na Praza de Santa María. CUAC Arquitectura (Granada) farao fronte ao Mercado de Abastos. E o portugués Diogo Aguiar Studio estará na Praza do Hospital.

TECNOLOXÍA. Especialmente significativas son as intervencións que terán lugar na Avenida de Montero Ríos e na Praza de Ourense. Na primeira poderase ver Lo que está por venir, un proxecto de OLAStudio, dirixido por Óscar López Alba. Segundo explica o Concello, "esta intervención ten unha compoñente tecnolóxica, con cor e metal ao servizo dunha web-cam e dunha pantalla Led de 49", polo que cobra sentido no horario de conexión, de 19.00 a 22.00 horas cada día".

As catro intervencións mencionadas foron realizadas a petición dos comisarios da proposta. A quinta saíu dun certame convocado dentro de Experimenta para realizar unha proposta para a Praza de Ourense. Finalmente a que se poida ver nese espazo será A Estrada das Pereiras, de María Dolores Hernáez, que estivo á fronte dun equipo integrado por Luís Bernardo , Sergio González, Felipe Langa, Enrique Mansilla e Maximiliano Martín. A obra recibiu a primeira mención do xurado e substituirá ao proxecto gañador, Día de Playa, do estudio mexicano Adriana Carlos & Mitchell Lorberau, que por problemas técnicos de montaxe e desprazamento non poderá estar nesta primeira edición do festival, segundo informou a pasada fin de semana o Concello.

Experimenta Pontevedra nace co fin de visibilizar a transformación urbana vivida nos últimos anos na cidade.

La Muralla del Mar

La muralla del mar

Autoría: CUAC Arquitectura xunto a Carlos Soria (Granada). Ubicación: fronte ao Mercado de Abastos.

A Estrada das Pereiras

A Estrada das Pereiras

Mención do xurado do certame. Autora: María Dolores Hernáez. Ubicación: Praza de Ourense.

Lo que está por venir...

Lo que está por venir

Autoría: OLAStudio (dirixido por Óscar López Alba). Ubicación: Avenida de Montero Ríos. De 19.00 a 22.00 horas.

Modular

Modular

Autor: Xoán Anleo (creador plástico, deseñador e mestre en Belas Artes). Ubicación: Praza de Santa María.

Mise-en-scene

Mise-en-scene

Autoría: Diogo Aguiar Studio (Oporto, Portugal). Ubicación: Praza do Hospital.

Comentarios