Pontevedra prenderá cen fogueiras

O Concello recibe un cento de comunicacións de particulares para dar a benvida a San Xoán ► As cacharelas deben cumprir as medidas anticovid
Unha parella nas fogueiras de San Xoán. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)
photo_camera Unha parella nas fogueiras de San Xoán. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

O San Xoán celebrase en Pontevedra, aínda que condicionado pola pandemia do coronavirus. O Concello recibiu un cento de comunicacións de particulares que darán a benvida ao verán coas tradicionais cacharelas. Os veciños presentaron a documentación pertinente a través das tres vías dispoñibles: por sede electrónica, a través do Rexistro municipal e presencialmente na Policía Local.

Este ano, como xa acontecera en 2020, e por causa das restricións derivadas da crise sanitaria, Pontevedra non autoriza fogueiras comunitarias que empreguen o espazo público ao entender que non se poden garantir as medidas anticovid e a seguridade habituais neste tipo de celebracións.

Ao respecto das cacharelas en espazos particulares, o Goberno local mantén os protocolos de anos anteriores sobre seguridade, pero tamén esixe que se garantan as medidas sanitarias que reclama a Xunta de Galicia.

NORMAS. Para poder obter o permiso municipal, as persoas que queiran organizar unha fogueira na súa vivenda ou propiedade privada deberán cumprir unha serie de requisitos. O primeiro deles é achegar a seu DNI, definir a situación exacta do lugar da cacharela e dispoñer dun teléfono móvil de contacto para Bombeiros, Protección Civil e Policía Local.

As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros de edificacións e árbores e diámetro máximo da mesma será de catro metros de ancho. A altura será de ata dous metros. Ademais, os materiais de combustión que se empreguen serán leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira. Os plásticos ou derivados están prohibidos.

Este ano non se permiten as cacharelas parroquiais, comunitarias ou veciñais en espazos públicos ou privados susceptibles de seren utilizados por un gran número de persoas.

Comentarios