Pontevedra prevé recadar 176.000 euros anuais coa taxa ás telefónicas

O novo tributo obrigará a pagar ás compañías que ocupen domino público para ofrecer servizo e afectará principalmente a Telefónica e R

Concello de Pontevedra. DP
photo_camera Concello de Pontevedra. DP

O goberno local de Pontevedra levará ao próximo pleno da corporación municipal a nova ordenanza fiscal de telefonía que incorpora un tributo que deberán pagar as empresas que operan no municipio pola utilización do dominio público. Este tributo, segundo os cálculos municipais, reportará 176.162 euros ao ano ás arcas municipais.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, informou en rolda de prensa, tras a Xunta de Goberno local, que os técnicos municipais estiman que estas compañías, coas súas antenas fixas, microceldas, redes ou cableado, ocupan uns 50.000 metros cadrados de espazo público. As afectadas, principalmente, son dúas compañías Movistar e R.

A nova taxa xorde por mor dunha moción do PSdeG-PSOE e regulará a coñecida como utilización privativa e os aproveitamentos especiais no chan, subsolo e voo da vía pública a favor de empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil.

Terán que pagala de xeito trimestral todas as compañías telefónicas que prestan servizo na cidade, aínda que aquelas que teñan menos de 5.500 liñas de prepago ou contrato gozarán dunha bonificación do 70%. Tras a súa aprobación en pleno, se non se presentan alegacións no período de exposición pública, a taxa xa entrará en vigor automaticamente.

Comentarios