Pontevedra recuperará a minifeira da Peregrina con dous días de touros

A decisión está só pendente de que Sanidade permita os eventos con público. El Juli e Ponce tourearán no coso de San Roque o segundo domingo de agosto xunto a outras "figuras"
undefined
photo_camera Imaxe de arquivo dunha tarde de feira na Praza de Touros de San Roque. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Haberá touros este ano en Pontevedra "se Sanidade o permite". O empresario taurino Eduardo Lozano asegurou este luns que o domingo da Peregrina e o sábado inmediatamente anterior (7 e 8 de agosto) celebrarase a tradicional minifeira sempre que as autoridades deixen que se realicen eventos con público.

"A estas alturas a empresa xa falou con toureiros e gandeiros, está todo organizado, só pendentes de saber se se van a poder abrir as prazas de touros e en que condicións", manifestou o propietario do coso de San Roque, que adiantou os primeiros nomes do cartel da Peregrina: El Juli e Enrique, "entre outras grandes figuras", dixo.

Así, todo apunta a que, como en 2019, na xornada do sábado o cartel conte cun rexoneador da talla de Diego Ventura, e dous toureiros. E o domingo da Peregrina os matadores El Juli e Ponce, dous dos preferidos polos afeccionados pontevedreses encabezarán o cartel. "Espero que nos autoricen os festexos", manifestou Lozano, no día en que os touros volveron á praza das Vendas en Madrid. "É un bo sinal, para as demais haberá que esperar un pouco, pero esperamos que isto se empece a recuperar", engadiu.

"Xa falamos con toureiros e gandeiros, só estamos pendentes de se se van a poder abrir as prazas de touros e en que condicións", asegura Lozano

Despois do parón provocado pola pandemia que deixou sen touros a Boa Vila en 2020, a festa taurina poderá volver en agosto á única praza de touros galega nun formato de único fin de semana como xa ocorrera en 2019, e tal e como se celebraba tamén nos anos oitenta.

"Foi un ano fatídico para empresarios, gandeiros e toureiros, pero os que peor o pasaron foron os gandeiros, que non puideron dar saída aos touros e tiveron que mantelos mentres tanto", subliñou Lozano.

Pendentes das medidas de seguridade que poderían afectar á praza de touros, trabállase coa posibilidade de contar con redución de aforamento, distancia entre asistentes, circuítos diferenciados de entrada e saída, uso de máscara obrigatorio, entre outros.

HISTORIA. A última vez que a miniferia da Peregrina tivo dúas corridas foi en 1995. O 25 de xullo de 1996, con motivo da reinauguración da praza de touros a programación contou con tres corridas. Entre 2002 e 2004 o cartel de espectáculos taurinos das festas de verán de Pontevedra aumentou a catro, repartidas nos dous primeiros fins de semana de agosto. En 2015 a cita do primeiro sábado desapareceu da programación e en 2019 reduciuse a un só fin de semana.


Os primeiros nomes
O JuliEl Juli
Os afeccionados da Boa Vila viron a Julián López Escobar (Madrid, 1981) tourear en 14 corridas, desde que en 1999 pisase por vez primeira o coso de San Roque durante o seu primeiro ano de alternativa. Desde entón protagonizou polo menos nove saídas aos ombreiros e cortado case unha trintena orellas, o que lle converten nun dos preferidos polos asiduos á única feira galega.
EnriqueEnrique Ponte
Alfonso Enrique Ponce Martínez (Valencia, 1971) é un dos toureiros que mellor coñecen o coso de San Roque e tamén dos máis apreciados pola afección local. Considerado un dos destros máis importantes da época, pisou a area pontevedresa por primeira vez en 1993 e desde entón estivo máis de vinte veces na praza de Pontevedra.

Comentarios