Uns 3.800 pontevedreses de entre 40 e 50 anos recibiron xa a vacina de Janssen

Este martes inocúlanse segundas doses de Pfizer e Moderna
undefined
photo_camera Menores de 50 anos vacináronse este luns con Janssen no Recinto Feiral de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés iniciou este luns a vacinación da franxa de 40 a 49 anos coa citación de 3.830 persoas no Recinto Feiral e Fexdega. Todas recibiron a monodose de Janssen, polo que se consideran inmunizadas fronte ao covid.

Para este martes están citadas 3.900 persoas: no Recinto Feiral 2.600 menores de 60 anos en horario de mañá e tarde para recibir a súa segunda dose de Pfizer e en Fexdega outras 950 nas mesmas circunstancias, só pola mañá. Ademais foron convocadas 280 persoas de entre 70 e 79 anos en Montecelo para aplicarlles a segunda dose de Moderna.

A área sanitaria logrou este luns baixar dos 200 casos activos de covid-19 por primeira vez desde finais de agosto de 2020. Segundo o balance facilitado polo Sergas, con datos pechados ás 18.00 horas do pasado domingo, hai 193 casos activos, 19 menos que a véspera, dos que 178 recupéranse da enfermidade nos seus domicilios.

A anterior cifra máis baixa de casos activos no que vai de ano foi notificada o 21 de marzo, con datos correspondentes ao día anterior. En plena ponte de San José contabilizáronse 200, cunha hospitalización similar á actual (13 en planta e catro en UCI). Desde ese día, cando se daba por finiquitada a terceira onda do coronavirus, a cifra non deixou de ascender, ata chegar aos 499 casos do 28 de abril.

Agora todo apunta a que a tendencia descendente, que xa se advirte na curva dos gráficos, poderase consolidar nas próximas semanas, auspiciada pola vacinación masiva.

Os números son similares aos de finais de agosto de 2020, aínda que entón a tendencia era absolutamente á inversa. O día 29 notificáronse 205 casos na área, pero apenas dez días antes, a mediados de agosto, eran 84. A ocupación hospitalaria, iso si, era moito menor. Nese período apenas había dous ou tres persoas ingresadas.

Comentarios