A Deputación selecciona cinco proxectos femininos para o emprendemento rural

O ente provincial escolleu 4 iniciativas novas máis unha quinta que busca consolidarse
Zona rural. DP
photo_camera Zona rural. DP

A Deputación de Pontevedra seleccionou cinco proxectos liderados por mulleres para participar no segundo programa de apoio ao emprendemento no rural

Hai catro proxectos de nova creación. O de Manuela Fernández–A Illa de Arousa– supón a posta en marcha dun negocio de turismo accesible para persoas de terceira idade e colectivos con necesidades educativas especiais. Xiana Meda –Cambados– aposta por unha web sobre sustentabilidade. Mentres, Elga Johanna Medina –Lalín– céntrase na artesanía e o ecodiseño. Así mesmo, Mireia Murgoitio –Lalín– avoga por pílulas informativas para a alfabetización dixital de empresas e particulares do rural. 

Pola súa banda, Sheila Dorrego –Tomiño– busca consolidar o seu modelo de negocio consistente nunha axenda de lecer e cultura en Baixo Miño e Alto Minho Luso. 

Esta actuación, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, serve para o asesoramento e formación dos participantes. 

En concreto, haberá 24 horas de formación específica para o impulso dos proxectos, 11 horas de capacitación en habilidades emprendedoras e tutorización, así como cinco horas e media de sesións de traballo en grupo. 

CONVENIO CON COGAMI. Noutra orde de cousas, o ente provincial asinou un convenio con Cogami, coa achega de 40.000 euros, para a atención a persoas con diversidade funcional. 

O programa atende a máis de 3.300 persoas da provincia e inclúe aspectos relacionados coa habilitación da linguaxe, a rehabilitación física e información e asesoramento. 

Xunto a isto, o Museo de Pontevedra sumar como entidade piloto de análise a un proxecto europeo sobre turismo cultural chamado Impactour, o que favorecerá a súa visibilidade e proxección internacional. 

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra informa de que durante este fin de semana un total de 17 municipios acollerán diferentes actividades como concertos, espectáculos, competicións deportivas, rutas e a estrea dos RíasBaixasFest. 
 

Comentarios