Pontevedra sempre se volcou con Rosalía

Concellos como os de Poio e Soutomaior, institucións como a Deputación e persoeiros como os irmáns Massó e Florentino Cacheda apoiaron a Casa de Rosalía nas colectas populares que se fixeron para a súa conservación durante o franquismo ▶A institución vén de abrir outra campaña de subscrición para consolidar a súa independencia
Documento que acredita a doazón da Deputación. FUNDACIÓN ROSALÍA - Portada
photo_camera Documento que acredita a doazón da Deputación. FUNDACIÓN ROSALÍA

A Casa de Rosalía vén de abrir unha campaña de subscrición popular para consolidar a súa independencia económica. A iniciativa, que convida a converterse en Amigo ou Amiga da Casa a partir de 20 euros ao ano, foi presentada durante a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrou entre o 29 de novembro e o 1 de decembro en Pontevedra. "É a segunda vez que a esta institución emprende unha campaña similar despois da que permitiu arranxar a Casa da Matanza e convertela en casa-museo durante 1971", explica a Fundación Rosalía de Castro (http://rosalia.gal).

Documento que acredita a doazón de Poio. FUNDACIÓN ROSALÍADurante o franquismo, houbo distintas colectas populares para contribuír á conservación da Casa de Rosalía. A máis importante foi en 1971, pero houbo outra anterior, en 1953, pouco despois da creación da fundación, en 1947. Posteriormente, xa en democracia, nos anos 80, tamén se puxo en marcha unha nova captación de socios.

Pontevedra volcouse sempre. Nos arquivos da institución consérvanse comprobantes das diferentes doazóns, tanto particulares como de institucións. Entre elas están as da Deputación de Pontevedra (que en 1953 achegou 2.500 pesetas) e as de diferentes concellos, que contribuíron con cantidades dispares, como os de Poio (1.000 pesetas en 1971) ou Soutomaior (50 pesetas en 1953). Tamén hai achegas do Grove, Meis, Cuntis, Lalín, Rodeiro, Forcarei e Baiona.

Documento que acredita a doazón de Lalín. FUNDACIÓN ROSALÍA

A todas elas uníanse as que se facían a título particular. A Fundación Rosalía conserva documentos que dan fe de doazóns dos irmáns Massó, propietarios da empresa conserveira de Bueu, ou o deseñador lalinense Florentino Cacheda. A maiores, a institución constata que houbo colectas veciñais en diferentes concellos, como os de Bueu (que xuntou 2.000 pesetas) ou Campo Lameiro (2.665 pesetas).

Documento que acredita a doazón de Soutomaior. FUNDACIÓN ROSALÍACAUSA COMÚN. Agora, a Casa de Rosalía abre un novo proceso para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais no sostemento da Casa de Rosalía, "que é a causa común de Galicia", en palabras do presidente da fundación, Anxo Angueira, facilitadas pola propia institución.

As persoas individuais poden converterse en Amigos de Rosalía (dende 20 euros ao ano), os pequenos negocios poden facerse Protectores (a partir de 60 euros ao ano) e as grandes empresas, en Mecenas (a partir de 1.000 euros ao ano).

A Casa de Rosalía está sostida pola fundación privada sen ánimo de lucro que leva o nome da escritora e que foi creada en 1947, en plena ditadura franquista. A apertura da casa-museo en 1972 só foi posible grazas ás achegas de todo o país e do mundo da emigración. "Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros e o Celta de Vigo, entre outros".

Documento que acredita a doazón da Deputación. FUNDACIÓN ROSALÍA