A de Pontevedra será a única sede da UNED en Galicia con cursos de verán

As propostas elixidas son O futuro de Europa: cultura, política e relixión e Arte e morte no Camiño de Santiago medieval
2020071511085686322
photo_camera María Troncoso e Miguel Anxo Lores presentando os cursos de verán da UNED. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A sede da Universidade Nacional a Distancia (UNED) de Pontevedra será a única de Galicia que contará cos cursos de verán na súa oferta. Así o expresou, na súa presentación no Concello, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen agradeceu o esforzo que tivo que facer a dirección da UNED na capital da provincia para levar a cabo estas actividades. Agregou, ademais, a importancia de seguir adiante cos cursos pese á situación actual: "Os cursos de verán o que fan, tamén, é posicionar á cidade. Son cursos de formación, que traen xente a Pontevedra. E aínda que este ano sexa distinto, é mellor manter o tipo, sacar as cousas adiante, porque despois iso repercute positivamente no ano seguinte".

A directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, María Troncoso, relatou xunto a Lores cales ían a ser os cursos do presente verán: O futuro de Europa: cultura, política e relixión e Arte e morte no Camiño de Santiago medieval: corpos, relicarios, imaxes. Interrogada por estas eleccións, a directora aclarou por que se decidiron por estas temáticas entre as distintas propostas coas que contaban: "Vimos pertinente seguir unha dinámica de xa anos atrás co Camiño de Santiago, neste caso cunha visión a través dos corpos dos santos e das imaxes na etapa medieval, que non é a forma habitual de enfocar o tema. E o outro curso tamén nos pareceu moi idoneo porque, ademais de encarar o tema do Brexit, aporta un discurso filosófico moi interesante do que nos espera, o que tamén nos pareceu moi acertado neste momento".

Cartel Cursos de Verán da sede de Pontevedra da UNED. UNED
Cartel Cursos de Verán da sede de Pontevedra da UNED. UNED

María Troncoso, ademais, afondou na decisión de, aínda no contexto actual, decidirse a facer os cursos de verán: "Foi difícil facer unha aposta por manter os cursos, como dicía o alcalde, pero penso que tamén demostra o compromiso que ten a UNED coa cidade, coa provincia. É a nosa pequena contribución para tratar de volver á normalidade a través desta modalidade", afirmou para despois pasar a desgranar as medidas de seguridade e os condicionantes que, este verán, terán que asumirse para facer viables os cursos. "As nosas medidas cumpren con todos os requisitos sanitarios. As clases presenciais serán só para dez persoas en cada curso e contarán con todas as medidas de hixiene e distancia social, para que isto sexa posible. E o resto seguirano desde as súas casas, pero sabendo que o centro que aporta eses cursos e esa formación é o centro social de Pontevedra".

Por outra banda, a directora da UNED na cidade tamén fixo un repaso de como respondeu a organización á pandemia: "Nós non perdimos demasiada clase. Iso non quere dicir que non tiveramos traballo previo, porque si que hai clases presenciais e as titorías impártense desde o centro social. Así que puxemos as medidas necesarias para que os titores puidesen dalas desde a súa casa, cun sistema de videoconferencia. Logo, os postos de administración mantivéronse, pero teletraballando".

María Troncoso, ademais, falou dos obxectivos para o próximo curso: "Trataremos de que sexa o máis normal posible. Estamos agora con iso: traballando para que non se note tanto o cambio e os estudantes poidan desenrolar o mellor posible as actividades".

Horario das actividades escollidas 
As propostas O futuro de Europa: cultura, política e relixión e Arte e morte no Camiño de Santiago medieval: corpos, relicarios e imaxes comezan este martes e rematan o próximo venres. 

O horario, desglosado e que será o mesmo para ambos cursos, quedaría da seguinte maneira: 

Martes: inicio das clases ás cinco da tarde e remate destas ás nove. 

Mércores: comezo das clases ás cinco da tarde e remate destas ás nove. 

Xoves: clases durante a mañá e a tarde.

Venres: clases só de mañá, ata a unha.

Comentarios