A Pontevedra solidaria doa 500 agasallos aos Reis Magos

Marcos Rey e Tino Fernández, xunto a un voluntario da Casa Azul. DP
photo_camera Marcos Rey e Tino Fernández, xunto a un voluntario da Casa Azul. DP

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegáronse este luns ata a Casa Azul para supervisar a entrega de agasallos aos Reis Magos que o Concello e a Fundación Meniños acaban de poñer en marcha dentro do programa municipal (en)Volve. A iniciativa acadou este ano a colaboración de 683 cómplices, cun total de 514 agasallos recibidos, dos que xa foron entregados 197.

Tal e como salientou Marcos Rey, a campaña está a amosar que Pontevedra "é unha cidade tremendamente solidaria", ao dispoñer dun número de cómplices moi superior ao das 594 cartas recibidas –hai 604 rapaces confirmados nesta edición de (en)Volve–. O coordinador de Meniños, Roberto Antón, sinalou que a Fundación está a realizar unha enquisa sobre os niveis de satisfacción coa campaña entre cómplices, "cuns resultados que non poden ser mellores: o 87% puntúan a campaña cun 10 e o 98% participarían na campaña o vindeiro ano".

Ademais, Tino Fernández e Marcos Rey puideron supervisar o reparto de parte das 13.000 máscaras doadas pola Subdelegación do Goberno ao Concello e que xa se están distribuíndo.

Comentarios