viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

A área de Pontevedra suma 43 altas en cinco días

Persoal sanitario realizando o test no Recinto Feira. RAFA FARIÑA
Persoal sanitario realizando o test no Recinto Feira. RAFA FARIÑA
Máis do 70% da pacientes da área sanitaria que saíron do hospital fixérono este mes ► Os positivos de coronavirus elévanse a 444, doce máis 

Un respiro para o sistema de saúde. A área sanitaria do Norte da provincia iniciou abril con datos esperanzadores. O último informe do Sergas, feito público este domingo, revela que en Pontevedra e O Salnés concedéronse 61 altas hospitalarias a persoas que contraeran o coronavirus. Máis do 70% delas, 43 en total, producíronse no que vai de mes. As últimas cinco contabilizáronse ata as 21.00 horas do sábado, hora da última actualización dispoñible.

O parte tamén pon de manifesto un lixeiro repunte dos casos confirmados de Covid-19, que se elevan ata os 444, doce máis que durante a xornada anterior. Deles, 18 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (Uci), 81 continúan ingresados en planta e 345 recupéranse nas súas casas da nova enfermidade.

Dos pacientes que se manteñen baixo vixilancia médica nos centros sanitarios de referencia, 69 fano en Montecelo, once no Hospital do Salnés e un no Quirónsalud Miguel Domínguez, segundo confirmaron este domingo a este xornal responsables do Servizo Galego de Saúde tras a difusión do parte oficial, no que non figura a relación nin o número exacto dos pacientes ingresados en cada complexo.

TEST A RalentÍ. As mesmas fontes tamén facilitaron o número de probas de detección de coronavirus, os denominados PCR. Na área de Pontevedra e O Salnés, que conta cunha poboación duns 300.000 habitantes, realizáronse un total de 2.952 test, o que representa o 10,4% dos 28.191 feitos en Galicia.

As queixas pola falta destes sistemas de diagnóstico da Covid-19 foron notables na última semana. Unha paciente do centro de saúde da Parda, que prefire manter o seu anonimato, leva dúas semanas esperando a que se lle practique unha destas probas. O 19 de marzo, o seu médico de cabeceira solicitou que a examinasen ao presentar síntomas compatibles coa nova enfermidade. O 27 de marzo comunicóuselle que estaba incluída na lista de espera para o test, que se lle practicaría ese fin de semana ou a semana seguinte. Pero a mostra non chegou. "A única que chama é a enfermeira da Parda para ver como está. E agora está perfectamente", comenta o seu marido, que tamén prefire preservar a súa identidade.

Desde o primeiro caso confirmado de Covid-19 o pasado 9 de marzo, na área sanitaria faleceron nove persoas. Todas elas de máis de 70 anos e con patoloxías previas.

A área de Pontevedra suma 43 altas en cinco días
comentarios