Pontevedra sumarase ao plan de transporte da Xunta o ano que vén

Gulías asegura que o Concello está en disposición de asinar o convenio do bus o próximo mes de xaneiro â?? As negociacións coa Consellería de Infraestruturas deberán determinar se a cidade asume só as dúas liñas de Monte Porreiro ou tamén as que van a Montecelo, Alba ou Lérez
Línea de bus a Monte Porreiro. DAVID FREIRE
photo_camera Liña de bus a Monte Porreiro. DAVID FREIRE

O Concello encarrila a súa adhesión ao plan de transporte público da Xunta. A portavoz municipal, Anabel Gulías, avanzou este luns que Pontevedra está en disposición de asinar o convenio do autobús o próximo mes de xaneiro. Para iso, o Goberno galego deberá pechar o proceso de licitación das concesións que pasan pola cidade.

"O acordo está sobre a mesa. Por lealdalde institucional, non adiantaremos algo que a Xunta vai presentar", dixo Gulías, que evitou desta forma desvelar a letra pequena do pacto do bus.

A reorganización do transporte de viaxeiros da Xunta afectará a 43 liñas con parada en Pontevedra

As negociacións coa Consellería de Infraestruturas deberán determinar que liñas de transporte asume a capital provincial e que custo suporá para as arcas locais. Pontevedra non ten un servizo de autobús propio, tal e como esixe a Lei para as urbes de máis de 50.000 habitantes. Pero axuda a cofinanciar as dúas liñas urbanas que van a Monte Porreiro a través dunha subvención para rebaixar o prezo do billete. O groso do contrato págao o erario autonómico.

A Administración pontevedresa está disposta a pagar o bus a Monte Porreiro e tamén o que dá servizo a Montecelo. Nunha das reunións mantidas este verán entre os técnicos, o concelleiro de Infraestruturas, Cesáreo Mosquera, asegurou que existe unha "base sólida para chegar a un acordo". Nel incluiríase unha nova liña de autobús, a que vai a Alba. Tampouco se descarta que o futuro convenio do bus urbano ábrase a máis territorios, como Médico Ballina, na parroquia de Lérez

LICITACIÓN. A reorganización do transporte de viaxeiros da Xunta afectará a 43 liñas con parada en Pontevedra. Todas elas están incluídas en catro das seis concesións en fase de licitación. A maior parte delas, 27 en total, atópanse nun contrato que inclúe a tres municipios máis: os de Poio, Marín e Vilaboa.

Nesta relación hai 16 rutas que transcorren integramente pola capital provincial e dan servizo a veciños do centro e aos de parroquias como A Canicouva, Alba, Salcedo, Mourente, Marcón, Lérez ou Santa María de Xeve. Nestes contratos tamén se inclúen as dúas conexións con Monte Porreiro e o único itinerario novo que o Goberno galego porá en marcha para dar servizo ao colexio Sacro Corazón de Praceres, en Lourizán.

"O noso obxectivo é que a finais deste mandato o transporte a demanda sexa unha realidade"

A subvención municipal ao bus de Monte Porreiro renovouse o pasado mes de abril con 71.849 euros. As dúas liñas que conectan este barrio coa cidade perderon viaxeiros por segundo ano consecutivo. Pecharon 2018 con 235.901 pasaxeiros, un 1,3% menos que en 2017 e un 4,2% menos que en 2016.

A achega do Concello a este servizo, que xestiona Autocares Rías Baixas, permite que o traxecto sexa máis barato desde a sexta viaxe e non desde o número doce, como ata agora. O obxectivo é gañar usuarios máis novos.

CON TAXIS. Outro dos servizos que o Concello quere pór en marcha como complemento ao plan de transporte da Xunta é un servizo con taxis a demanda, que está en fase de estudo.

"O noso obxectivo é que a finais deste mandato o transporte a demanda sexa unha realidade", afirmou Gulías.

Comentarios