Pontevedra, única provincia galega na que sobe o prezo dos alugueres en xullo

O prezo medio dun piso sitúase en 778 euros ao mes na provincia e en 615 euros na cidade do Lérez
2020081108211627580
photo_camera Familia observando anuncios de pisos nunha inmobliaria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A provincia de Pontevedra foi a única de Galicia que incrementou o prezo do aluguer no mes de xullo mentres que nas demais descende lixeiramente, segundo o informe semestral de prezos de aluguer do portal Pisos.com.

En concreto, o custo dos alugueres incrementouse un 0,96% con respecto a xuño a pesar de que o prezo este tipo de rendas redúcese un 4,28% en Galicia nun mes. As inmobiliarias atribúen esta subida á reducida oferta e ao crecemento da demanda.

O prezo medio de aluguer en xullo na provincia, segundo o informe, fixouse en 778 euros, mentres que na Boa Vila a cifra baixa ata 615 euros. Con todo, esta cantidade é superior que o prezo medio de aluguer en Galicia, rexistrado en xullo en 579 euros.

Así, a provincia confórmase como a máis cara en xullo para alugar, seguida da Coruña con 566 euros, Ourense con 480 e Lugo con 435. Se nos centramos nas capitais de provincia, o aluguer da cidade de Pontevedra só é superado polos 704 euros que custa, de media, aluguer un piso na Coruña capital.

No referente á variación de prezo con respecto ao ano pasado, o incremento do importe de aluguer na provincia é un 8,75% comparado con xullo de 2019 e dun 2,47% na cidade. Aínda que a cifra é alta, en primeiro lugar atópase a provincia da Coruña cun incremento do 10% nun ano. Por outra banda, a provincia de Lugo descende un 4,8% nun ano e a de Ourense un 1%.

As previsións para o mercado non son moi claras ante a crise económica

O director de Estudos de Pisos.com, Ferran Font, sinalou que "as rendas de aluguer en España continúan recortándose, aínda que hai localizacións onde a presión dos prezos é moi forte". É o caso da provincia pontevedresa.

Para o experto, as previsións non son moi claras porque entran en xogo dúas variables contrapostas. Por unha banda, as mensualidades poderíanse axustar debido á dificultade de pago das familias máis afectadas pola crise sanitaria.

Por outra banda, declara que "o mercado de arrendamento vai crecer en número de inquilinos, posto que moitos compradores están a atrasar a súa decisión ante unha situación laboral que podería complicarse".

As inmobiliarias da cidade tamén apoian esta última idea, xa que "moita xente decide alugar e non comprar pola situación económica actual tras o confinamento".

Desde a axencia Inmoponte destacan tamén que ante a incerteza económica, os propietarios prefiren vender no canto de alugar. O seu principal motivo é "o medo a que os inquilinos queden sen emprego e non poidan pagar". Esta preferencia pola venda é fundamental para comprender a subida dos prezos do aluguer, motivada pola falta de inmobles dedicados ao arrendamento.

O teletraballo e o confinamento inflúen nas preferencias de quen busca vivenda

CAMBIOS NA DEMANDA. Este mesmo informe apunta ao transvasamento de aluguer turístico a residencial. A primeira consecuencia sería o incremento da oferta e a relaxación da tensión no prezo de aluguer.

O certo é que o teletraballo e o confinamento repercutiron nas preferencias daqueles que buscan alugar un piso. Precisamente, as inmobiliarias constatan un incremento da demanda tras a situación do coronavirus contrastando cunha baixada da oferta de inmobles.

Tras o confinamento, a terraza converteuse nunha condición esencial para os buscadores de pisos. O teletraballo tamén está a fomentar o aluguer de pisos con máis cuartos. Son moitos os que procuran ter o seu espazo propio para poder traballar en casa.

Outro dos efectos é optar polo aluguer de pisos con máis superficie. A media da provincia sitúase en 102 metros cadrados e 89 na cidade de Pontevedra. Esta cifra só é igualada na provincia da Coruña. Así e a todo, prevese que a superficie demandada vaia en aumento por mor da incerteza da pandemia.

Comentarios