Unha Pontevedra con vistas a Mercurio

As asociacións astronómicas Sirio e Rías Baixas colocan telescopios ao pé da Alameda para observar o tránsito do planeta máis pequeno do Sistema Solar
Cidadáns observando o tránsito de Mercurio, onte, dende a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, cos telescopios das asociacións Sirio e Rías Baixas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cidadáns observando o tránsito de Mercurio, dende a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, cos telescopios das asociacións Sirio e Rías Baixas. GONZALO GARCÍA

Un puntiño, apenas a cabeza dun alfinete, movéndose por diante do Sol, dende as 13.35 horas ata o solpor, observouse dende Pontevedra. Era Mercurio, "o planeta máis pequeno do Sistema Solar, dende que lle quitaron o título a Plutón", lembra o presidente da asociación astronómica Sirio, David Filgueira. Sucedeu este luns, cando se deu un fenómeno pouco común, coñecido como o tránsito de Mercurio, que ten lugar cando o planeta máis próximo á estrela que nos alumea, ao seu paso por diante dela, se alinea coa Terra.

"Isto é como un eclipse, só que non se cruza a Lúa senón Mercurio"

"Sempre que se produce un fenómeno destacado, que pode ser observado, tratamos de facer actividades de cara á cidadanía para divulgar a astronomía", explica Filgueira. "Este é un exemplo claro. Por enriba, tivemos a sorte de que o tempo nos favorecera".

Cidadáns observando o tránsito de Mercurio, dende a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, cos telescopios das asociacións Sirio e Rías Baixas. GONZALO GARCÍA (1)Cidadáns observando o tránsito de Mercurio, dende a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, cos telescopios das asociacións Sirio e Rías Baixas. GONZALO GARCÍA (2)

Así, en colaboración coa tamén asociación astronómica Rías Baixas e co apoio do Concello de Pontevedra, Sirio colocou varios telescopios na avenida de Montero Ríos, "ao pé da Alameda", toda a tarde, para convidar á xente a observar o paso de Mercurio por diante do Sol, explicar en que consistía o fenómeno e resolver dúbidas.

"É moi importante advertirlle á xente, nestes casos, que hai que ter moitas precaucións á hora de observar o Sol. Non se pode empregar calquera instrumento".

Dous dos aparellos permitían observar o tránsito "por proxección", isto é, trasladando a un folio en branco a imaxe do puntiño negro movéndose por diante do foco de luz que é o Sol. "É moi importante advertirlle á xente, nestes casos, que hai que ter moitas precaucións á hora de observar o Sol. Non se pode empregar calquera instrumento". Precisamente o outro telescopio que se instalou, que contaba cunha serie de filtros específicos, permitía ollar a imaxe directamente sen perigo. Neste último caso, o que se vía era a estrela como unha esfera vermella e o planeta, de novo, como un puntiño negro.

"En realidade estamos ante exactamente o mesmo fenómeno que o que é un eclipse de Sol", segue a contar Filgueira. "Só que neste caso o que pasa por diante, no canto da Lúa, que tapa a luz, e no caso dun eclipse total mesmo nos deixa por uns intres a escuras, é un planeta que está moito máis lonxe. Así que, sobre a esfera, o que se ve é algo así como un lunar que se vai desprazando a medida que Mercurio segue a súa órbita".

Comentarios