Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

A lenda de Teucro e a serea devolve a Boa Vila ao século XV

Comezo da Feira Franca coa lenda de Teucro e a serea. RAFA FARIÑA
Comezo da Feira Franca coa lenda de Teucro e a serea. RAFA FARIÑA

As compañías Kull d’Sac e Troula inauguraron este venres a festa cun espectáculo que transita entre os mitos e os feitos históricos

Xa é Feira Franca! Unha pregoeira a cabalo encargouse este venres de anuncialo polas rúas da cidade, que volve ao século XV, en plena Idade Media, con mercaderes vendendo nas rúas e obradoiros de artesáns traballando nas prazas.

Á inauguración da festa máis multitudinaria da Boa Vila non faltou Teucro nin a serea Leucoíña, aquela que cos seus cantos atraeu ao heroe grego ata a Ría de Pontevedra, onde fundou a Boa Vila. Arredor da lenda fundacional da cidade xirou o espectáculo que este venres puxeron en escena os artistas de Kull d’Sac e Troula, encargados dende hai nove anos da apertura da Feira Franca cun número de luz e son. 

No deste venres participaron unhas 60 persoas, das cales 20 eran artistas e outras 40 formaban parte do persoal técnico e máis do operativo de seguridade. Bailarinas, unha cantante de ópera, expertos en artes circenses, equilibristas e especialistas de tramp wall, que semellan camiñar polas paredes ao impulsárense en camas elásticas, formaban parte do elenco que protagonizou o espectáculo. Unha das novidades deste ano foi a utilización do videomapping, unha técnica audiovisual que engana o ollo para proxectar outros escenarios máis alá da Praza da Ferraría, onde tivo lugar o número. O creativo encargado desta nova técnica foi Rodrigo Tamariz. 

Nesta edición toca rememorar as lendas e os mitos que deron paso á ciencia e ao coñecemento

Máis alá da lenda de Teucro, o espectáculo titulado ‘As portas do Lérez’ repasou outras lendas e feitos históricos relacionados coa cidade, dende a importancia das fontes na Boa Vila ás súas prazas, os oficios tradicionais como o da cantería ou a exclusividade da cidade para a exportación de aceite de peixe. Un dos elementos principais da escena de este venres foi a recreación da porta da muralla da Boa Vila medieval. De aí o nome do espectáculo.

"Llevamos nueve años trabajando en la Feira Franca y siempre  nos hemos sentido muy agradecidos por el trato recibido tanto por el Concello como por los locales de A Ferraría, que apagan todas sus luces durante el tiempo que dura el show", explicaba este venres o director artístico de Kull d’Sac, Raúl Lago. Así, os creativos da compañía vallisoletana tiveron que impregnarse das lendas, a historia e máis as tradicións da Boa Vila para concibir o espectáculo deste venres.

O traballo de creación comezou hai xa catro meses. Durante todo o verán e parte da primavera, os artistas realizaron ensaios para recrear a Pontevedra do século XV, cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou á cidade, daquela a principal vila de Galicia, o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración entre mediados de agosto e setembro.

DÍA GRANDE. Mais o día grande da festa celébrase ao longo da xornada deste sábado, durante a que o centro histórico da cidade permanecerá pechado ao tráfico e recreará unha urbe típica da Idade Media. A cidade estará chea de bailes e músicas medievais, espectáculos de cetraría e esgrima, comidas polas rúas e a ledicia propia da vila que foi Pontevedra no século XV: o centro económico de Galicia.

Nesta edición toca rememorar as lendas e os mitos que deron paso á ciencia e ao coñecemento. É tempo de gozar do eminente pasado da Boa Vila. Este sábado é Feira Franca.

A lenda de Teucro e a serea devolve a Boa Vila ao século XV
Comentarios