Pontevedra volverá ser unha cidade de cine

O festival Novos Cinemas proxectará 24 filmes entre o 14 e o 19 de decembro  Por primeira vez, o evento conta co apoio do ICAA
undefined
photo_camera Suso Novás, Jacobo Sutil, Jorge Soto, Carme Fouces, Victoria Alonso e Daniel Froiz. JAVIER CERVERA MERCADILLO

Coa proxección de A Virxe Roxa, do arousán Marcos Nine, quedará inaugurado, o 14 de decembro, o Festival Internacional Novos Cinemas de Pontevedra, dedicado ás primeiras obras dos realizadores.

Ata o día 19, cando se clausure co debut na longametraxe de Chema García Ibarra, multipremiado curtometraxista, pasaranse 24 filmes, "14 deles dirixidos por mulleres", sinalou un dos codirectores do evento, Suso Novás, que quixo poñer o foco sobre a presenza feminina no certame.

"O peso feminino foi aumentando e hoxe é moi importante. Pero a loita dos festivais ten que seguir pasando por acadar ese equilibrio". Novás tamén destacou tanto o título que se proxectará para abrir a programación como o de clausura, "que estamos seguros de que vai ser unha das películas do ano", dixo.

Pola súa banda, o outro codirector, Daniel Froiz, resaltou que, por primeira vez, o evento contaba co apoio do Ministerio de Cultura (a través do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales -ICAA-).

"A semana que vén Pontevedra volverá ser unha cidade de cine", concluíu a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que participou na presentación do festival xunto a representantes do resto das institucións públicas que o apoian economicamente: o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, e o vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto.

Este último fixo fincapé na importante vinculación do certame coa Universidade de Vigo. Entre outras cousas, o seu alumnado é quen conforma o xurado novo que entrega un dos galardóns e a Facultade de Ciencias Sociais acolle todos os anos un obradoiro incluído no importante apartado formativo do evento. Nesta ocasión encargouse de impartilo Adrián Canoura. O resultado deste taller verase no festival.

Sobre o resto da programación (que se foi debullando nas últimas semanas), Suso Novás lembrou que volvería haber dúas seccións competitivas, a oficial (na que se verán nove títulos) e a conformada por traballos de moi pequeno orzamento, denominada Latexos (catro títulos).

Tamén resaltou que esta era a primeira vez que un certame audiovisual lle adicaba en España un foco á cineasta María Pérez Sanz (Karen). "Somos moi pequeniños, a loita para nós por conseguir títulos é grande", sinalou Novás, que destacou as dificultades que enfrontou este ano o deseño da programación e o feito de que os filmes que se presentaron se caracterizasen por "ser fillos do seu tempo e, polo tanto, dunha fonda sensibilidade".

undefinedAvance: Matria

Segundo anunciou a organización do evento, Álvaro Gago será un dos protagonistas da sección Encontros e aí poderán verse as primeiras imaxes da súa primeira longametraxe, Matria.

undefinedSección oficial: Eles transportan a morte

A compostelá Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado xa asinaran a cabeceira do festival na súa cuarta edición. Este ano compiten na sección oficial con Eles transportan a morte.

undefinedApertura: Estrea de A Virxe Roxa

A sesión inaugural de Novos Cinemas, o martes 14 de decembro, correrá a cargo de Marcos Nine, do que se proxectará o seu último traballo, A Virxe Roxa. Supón a súa estrea en Galicia

Comentarios