Un pontevedrés que compartía pornografía infantil, ao banco

O procesado "utilizaba imaxes de menores para intercambialas con outros usuarios da rede"

Foto de archivo de un ordenador. DP
photo_camera Un home manipula o teclado dun computador. DP

PONTEVEDRA. Os xulgados do Penal da Parda acollerán nas próximas semanas unha vista oral por un dos delitos que continúa en auxe na sociedade actual. R.A.P, veciño da cidade do Lérez "de ignorados antecedentes policiais", segundo o relato público da Fiscalía Provincial de Pontevedra, sentará no banco acusado dun presunto delito de distribución de pornografía infantil, polo que se enfronta a unha posible condena de dous anos de prisión.

Os feitos que serán sometidos a xuízo na Parda sucederon "desde datas que non puideron concretarse, pero en todo caso antes do 1 de xuño de 2016", cando o procesado, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais, viña gardando nun computador da súa propiedade, instalado no seu domicilio de Pontevedra, arquivos de imaxe e vídeo obtidos na rede nas que aparecían nenas menores de idade sen roupa, nunhas ocasións mostrando de forma suxestiva os seus órganos sexuais e noutras ocasións mantendo contacto ou relacións sexuais entre si ou con persoas maiores de idade".

O procesado, segundo detalla o Ministerio Público, "utilizaba as referidas imaxes para intercambialas con outros usuarios da rede", con contido explícito que foi detectado polos investigadores en datas moi concretas, a través de Chatstep.

Con todos os indicios sobre a mesa e a oportuna autorización xudicial, os axentes efectuaron a entrada e rexistro na vivenda do investigado, achando máis de 60 arquivos de imaxe e vídeo como os relatados, con menores efectuando toda clase de prácticas sexuais, en ocasións con adultos.

"O acusado obtivo as referidas imaxes mediante programas de intercambio de arquivos e utilizábaas para cambialas con outros usuarios da rede", engade a Fiscalía.

O Ministerio Público explica que o delito de distribución de pornografía infantil que se lle atribúe absorbe o tamén acreditado de tenencia e, ademais da prisión, esixe o comiso definitivo do disco duro intervido.