Un pontevedrés enfróntase a doce anos de cárcere por abusar da súa irmá pequena

O acusado supostamente mantiña relacións coa súa irmá de apenas once anos cando o seu pais se ausentaban de casa por razóns laborais

Exterior de la Audiencia de Pontevedra. ADP
photo_camera Exterior da Audiencia de Pontevedra. ADP

A Audiencia de Pontevedra xulgará o vindeiro martes, 22 de xaneiro, a un pontevedrés para o que a Fiscalía solicita doce anos de cárcere por abusar sexualmente da súa irmá, unha nena de apenas once anos de idade.

O fiscal, no escrito de acusación que divulgou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), sinala que o acusado, desde que adquiriu a maioría de idade, "co fin de satisfacer os seus desexos sexuais" empezou a abusar da súa irmá.

Estes episodios de natureza sexual producíronse "nun número indeterminado" de veces pero, segundo o relato da moza, "practicamente todas as semanas", aproveitando as tardes nas que, por motivos laborais dos seus pais, quedaban sos en casa.

A vítima accedía a estes abusos pola confianza que tiña cara ao seu irmán, relata o fiscal, e porque "dado o seu escaso desenvolvemento evolutivo" non vía estes feitos como estraños, ao dicirlle o acusado que se trataba dun xogo.

Debido a estes abusos, que se produciron de xeito continuado no tempo, a menor presenta síntomas de reexperimentación de recordos, pensamentos recorrentes relacionados con estes episodios, condutas evitativas, alteración do soño, ansiedade, apatía e problemas emocionais que requiriron de apoio psicolóxico.

Para a Fiscalía, o acusado é autor dun delito continuado de abusos sexuais a unha menor de 13 anos polo que, ademais dos doce anos de cárcere, entende que debe ser condenado a indemnizala con 30.000 euros polos danos morais.

O xuízo celebrarase a porta pechada e a vítima declarará protexida por un biombo para evitar o contacto visual co seu irmán. 

Comentarios