Portas abertas, pero só na rede

A pandemia obriga a que as habituais xornadas para que as familias e o futuro alumnado coñecesen os institutos se pasen á modalidade virtual, con vídeos e visitas guiadas en liña
Inicio de curso, con medidas de distancia interpersonal, no IES Frei Martín Sarmiento. RAFA FARIÑA
photo_camera Inicio de curso, con medidas de distancia interpersonal, no IES Frei Martín Sarmiento. RAFA FARIÑA

Desde hai uns anos a maioría dos centros educativos consolidaron a organización de xornadas de portas abertas para presentarse ante o futuro alumnado e as súas familias. É case unha obriga para os colexios ante a posibilidade de perder matrícula, pero tamén para os institutos, sobre todo para os periféricos.

A pandemia, porén, obrigará a un cambio total desta dinámica. Trátase dun asunto que asume cada centro de xeito individual, aínda que a Consellería de Educación apuntou este mércores que "se está analizando de xeito conxunto coas direccións dos centros, en función da situación sanitaria", xa que "agora mesmo non parece o máis prudente".

Deste xeito, algúns institutos pontevedreses xa están a mover ficha para trasladar á rede e á modalide virtual estas iniciativas. É o caso do IES Frei Martín Sarmiento. Segundo explica o seu director, David Alvariño, "a finais do anterior trimestre decidimos ofrecer unhas xornadas de portas abertas virtuais, que foran atractivas á vez que amosaran a realidade educativa cotiá do centro".

Explica que o curso pasado organizaron para as familias un xogo de escape room, onde a través da realidade aumentada e guiados polo alumnado do centro, percorrían o mesmo descubrindo a actividade diaria tras resolver as pistas do xogo. "O éxito do mesmo encheu o salón de actos coa presenza de máis de 200 persoas", pero este ano "desbotamos unhas portas abertas semellantes ante a imposibilidade de xuntar a tanta xente e a limitación técnica para organizalos en grupos máis pequenos". Así, seguindo a elaboración das portas abertas do curso pasado, optaron por ofrecer unhas xornadas virtuais a través de conexión en streaming (previa solicitude por correo electrónico ao centro: ies.freimartin.sarmiento@edu). Para que as familias poidan coñecer a súa oferta educativa e o desenvolvemento da mesma nunha xornada diaria, gravaron vídeos empregando a tecnoloxía da que dispón o alumnado na materia de TICS.

Nestas xornadas (27 de xaneiro e 3 de marzo, ás 19.00 horas, ademais da visita virtual ao centro, ofrecerase un foro de dúbidas e cuestións para que as familias pregunten o que desexen.

Nunha opción semellante traballa o IES A Xunqueira II, que tamén descarta as concurridas xornadas de portas abertas, confirmou o seu director, Juan Carlos Pérez, xa de cara a finais de febreiro. O IES Luís Seoane enviará unha presentación virtual aos colexios adscritos para que a visualicen o alumnado de 6º e as súas familias e na que se exporá toda a oferta educativa do instituto.

Comentarios