O PP escoita as demandas de policías locais e nacionais da provincia

Os municipais piden a consideración de profesión de risco ►O SUP exerceu de voceiro dos axentes da Comisaría
Un intre do encontro con policías locais. CEDIDA
photo_camera Un intre do encontro con policías locais. CEDIDA

Os deputados do PP de Pontevedra María Ramallo, Diego Gago e Javier Bas, e a senadora Pilar Rojo, reuníronse este luns con representantes sindicais da Policía Local da provincia, nun encontro no que tamén participaron Ana Vázquez, voceira dos populares na comisión de Interior do Congreso, así como os concelleiros locais do PP, Rafa Domínguez e Pepa Pardo. Posteriormente recibiron a membros do Sindicato Unificado de Policía (SUP) que lles manifestaron as reivindicacións da Policía Nacional.

Segundo explicaron, trátase dunha reunión de traballo para escoitar cales son as principais demandas destes colectivos e cal é a súa situación na provincia, para servir de ponte entre as súas reivindicacións e o Goberno central. Por iso, destacan, no Congreso o PP pon voz ao que lles trasladan os propios profesionais. "Non son iniciativas nosas, presentamos e defendemos propostas que nos fan chegar a través destas reunións de traballo".

Algunhas destas iniciativas, recordan, son os coeficientes redutores da cuantía da pensión en caso de xubilación anticipada para a Policía Local, ou a solicitude para declarar profesión de risco aos policías locais. Esta proposición non de lei rexistrada polo PP e defendida pola propia Ana Vázquez no Congreso hai menos dun mes, foi apoiada por maioría. Explican que carecer do concepto de perigosidade, como si teñen os policías nacionais ou gardas civís, supón que un axente cobre unha pensión do 55 por cento en caso de accidente ou falecemento, en lugar do 100 por cen.

En canto a o SUP, fontes do sindicato detallaron que presentaron unha serie de propostas, moitas xa coñecidas, como a creación da UPR para a cidade de Pontevedra, a escaseza de persoal en moitas das dependencias da provincia, as indemnizacións pola asistencia a xuízos , as posibles melloras en infraestruturas, a convocatoria de novas prazas para a Policía Autonómica ou a posible modificación da ley de condecoracións que adoita a provocar polémica cada ano que pasa.

Comentarios