O PP pide unha comisión para investigar os contratos menores do BNG a "amigos"

Levará a proposta ao Pleno e espera un "apoio" do PSOE, que Tino Fernández nega 
Rafa Domínguez. DP
photo_camera Rafa Domínguez. DP

O PP levará ao Pleno de marzo a súa proposta de crear unha comisión de investigación para estudar os contratos outorgados polo BNG a "amigos". A guerra a conta dos contratos menores continúa e este xoves fíxoo elevando un pouco máis o ton da rifa política que desencadeou entre os populares e os nacionalistas.

O presidente do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, explicaba nunha rolda de prensa a decisión tomada polo equipo do partido na cidade nunha reunión telemática e a súa negativa a acudir á xustiza, aínda que aclarou que "algún contrato pode ter algún reproche legal". Ata agora mantivera que se trataba de procedementos legais aínda que de dubidosa moralidade. Neste sentido, explicou que o nexo común dos contratos sinalados, que se corresponden cos anos 2019 e 2020, é o BNG. Entre eles están pagos a persoas relacionadas co partido, como o tenente de alcalde de Barro, o número 21 na candidatura nacionalista ao Concello ou o responsable do BNG no Salnés, así como publicidade en revistas de colectivos vinculados ao nacionalismo ou contratacións de grupos musicais de supostos afíns ao BNG entre as festas do verán.

A finalidade da comisión de investigación será determinar certos puntos como necesidade dos contratos, os criterios de contratación, se se analizaron incompatibilidades á hora de asinalos, se se tiveron en conta posibles conflitos de intereses e que se identifique ao responsable final dos mesmos, tal e como explicou a tamén concelleira popular Pepa Pardo, que acompañou a Domínguez na rolda de prensa.

"Eu creo que unha saída política a este tema pode ser suficiente, é algo que non cren no BNG porque eu mesmo teño pendente unha demanda xudicial", recordaba Domínguez referíndose á denuncia por inxurias que lle presentou o debuxante Kiko da Silva despois de que o PP denunciase amiguismo á hora de encargar a elaboración do cartel do Entroido ao ilustrador pontevedrés.

Foi precisamente esa acusación a que desencadeou unha guerra de críticas de nepotismo por parte do PP aos nacionalistas, que continuará, como mínimo, ata marzo.

Domínguez explicou que espera que "o PSOE non teña ningún problema en que se investiguen" estes contratos en aras da transparencia. Con todo, o propio Tino Fernández, tenente de alcalde socialista, explicou que "este Concello é tan transparente que ten todos os contratos na súa web, así que non lle vexo moita utilidade a esa comisión", insinuando a súa negativa á proposta do PP. Unha resposta similar á que vén ofrecendo o BNG sobre o asunto, xa que no propio portal do Concello pódese acceder aos datos dos contratos asinados polo Goberno local.

O PP reiterou, ademais, que ningún dos contratos revisados ás concellarías do PSOE son sospeitosos de amiguismo.

Carme da Silva: "Esta é a rabecha dun neno elegante malcriado"
O BNG, que ata agora respondera ás acusacións aludindo á transparencia dos procesos, tirou este xoves de artillería pesada. Fíxoo Carme da Silva, que tachou a actitude de Domínguez de rabecha "dun neno elegante malcriado" como resposta á denuncia que interpuxo Kiko da Silva contra el por dicir que a realización dos carteis do Entroido obedecían a unha práctica de "amiguismo".
"Eu mesma quixen convencer a Kiko da Silva de que non tiñaa sentido denunciar a unha persoa que colgou unha foto do alcalde no Parlamento galego cando pasaba por un momento persoal moi delicado", dixo resucitando a polémica polas imaxes do alcalde durmido tras pasar a noite no hospital cun familiar que foron publicadas nas redes sociais de Domínguez.
A nacionalista despachouse contra o portavoz do PP, reiterando a idea de que a comisión de investigación non tiña sentido xa que "todos os datos son públicos na web" e acusando a Domínguez de "vagancia" por non revisalos.

Contratos do PSOE
Por outra banda, da Silva explicou que algúns dos contratos asinados con Ana Seoane (na lista municipal do BNG) que critica o PP foron xestionados pola concellería de Promoción Económica cando xa a ocupaba o PSOE, de modo que o PP estaría a usar contratos asinados polos socialistas para acusar ao BNG de amiguismo. "Domínguez xoga coa respectabilidade de empresas e profesionais", dixo da Silva.

Comentarios