O PP de Pontevedra pon o foco na "igualdade real"

A agrupación contará cun grupo de traballo centrado no emprego feminino e as oportunidades das mulleres
 
Presentación del proyecto. JAVIER CERVERA
photo_camera Presentación del proyecto. JAVIER CERVERA

O presidente en funcións do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que constituirá un grupo de traballo centrado no emprego feminino e as oportunidades das mulleres.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, Rafa Domínguez presentou esta iniciativa como a primeira das novidades incluídas na súa candidatura para presidir de novo a formación local despois do XIII Congreso do PP pontevedrés.

Este grupo de traballo estará dedicado "á procura de propostas en prol da Igualdade" explicou Domínguez. Será un "think tank" pensado "para traballar e conseguir melloras para todas", explicou.

Na presentación, Domínguez estivo acompañado dalgunhas das persoas que formarán parte deste equipo que presidirá o mesmo: a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; a senadora Pilar Rojo; a deputada provincial, Pepa Pardo e a concelleira Silvia Junco.

Domínguez indicou que se trata dun grupo aberto" a quen queiran participar e que "non fai falta ser afiliado a este partido, simplemente estar a favor da igualdade real".

"DATOS MALOS". Na comparecencia, Ana Pastor indicou que en Pontevedra parten "duns datos de paro na cidade realmente malos: 7.581 persoas están en paro, das cales 4.394 son mulleres", ademais, asegurou que é "a segunda cidade de Galicia coa taxa de ocupación máis baixa".

Pastor engadiu que a conciliación supón outro dos problemas que o grupo pretende tratar e, ademais, fixo fincapé no seguimento que tamén farán da muller rural, "moitas veces con aínda menos oportunidades".