O PP presenta unha moción contra a Ordenanza de Mobilidade

Rafa Domínguez critica o acordo da Femp e Facenda para "incautar" os "aforros" dos concellos
2020081511160055783
photo_camera Rafa Domínguez nun momento da rolda de prensa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou venres en rolda de prensa que o seu partido levará ao próximo Pleno Municipal de setembro "unha moción contra a nova Ordenanza de Mobilidade". Domínguez referiuse á norma como "chafalleira" e "discriminatoria", facendo constar "que non está á altura do que se esperaba do Concello de Pontevedra". Ademais, o portavoz popular sumouse ás críticas de colectivos e asociacións "que rexeitan polas súas notables carencias o edicto". Doutra banda, Domínguez mostrou a súa disposición a presentar outra moción "contra a incautación dos remanente municipais por parte do Goberno central".

"A nova normativa de tráfico é claramente discriminatoria, e non o dicimos nós, así o constatan asociacións de persoas con diversidade funcional como é o caso de Amizade", explicou Domínguez. E é que desde a citada asociación ven como "un claro atentado contra a integración social e laboral das persoas con mobilidade reducida" a limitación temporal que a norma propón do uso das prazas de estacionamento reservadas para estes colectivos. "O Partido Popular votará en contra da imposición desta ordenanza, que non foi acordada desde a participación social", concluíu.

En canto á ausencia de alegacións durante o período de exposición pública ao que se someteu a ordenanza, Domínguez aclara que "Amizade mantivo conversacións fluídas co goberno municipal e directamente con Lores", así o popular entende que "o Concello foi coñecedor desde o primeiro momento das demandas deste colectivo, facendo oídos xordos ás súas peticións. Vexo como con preocupación e como un claro inconveniente que se permita que esta ordenanza salga adiante", indicou Domínguez. Os populares insisten en que xa alertaran nunha Comisión Informativa de febreiro que se trataba dunha ordenanza discriminatoria e, agora, insisten en presentar unha moción "ante a incapacidade negociadora da administración local".

A de mobilidade non será a única moción que o PP de Pontevedra baralla levar a diante no Pleno de setembro. Domínguez presentou tamén unha proposta contra a incautación dos remanentes municipais que o Ministerio de Facenda quere levar a cabo. O portavoz dos populares locais sentenciou que "a decisión de Lores de situarse en contra desta medida, a cal constitúe un atraco a man armada aos aforros dos concellos", aclarou.

Doutra banda, Domínguez quixo recordar que "o propio promotor do roubo dos aforros, o partido socialista, é socio do goberno a nivel local e, tamén, na Deputación". Así, Domínguez, cualifica de "ridícula" a aposta dos socialista locais hai uns meses "cando eles mesmo dicían que os concellos poderían utilizar, sen perigo de incautación, as súas remanentes".

É indignante que o Concello de Pontevedra minta aos seus traballadores con escusas baratas para romper drasticamente a negociación do RPT

O popular expresou, á vez, a súa "indignación" e "rexeitamento" ante a decisión tomada polo goberno municipal de meter "no caixón" a negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, que implicaba posibles melloras laborais e subidas salariais para o persoal municipal. "é indignante que, logo de tanto tempo e tantas negociacións, o Concello decida agora mentir á cara aos seus traballadores, con escusas baratas, para romper de xeito drástico este acordo", expuxo o concelleiro. "Os gastos extraordinarios para a xestión da covid non son motivo, porque están totalmente financiados pola Deputación", aclarou. Para rematar, Rafa Domínguez denunciou que "nos últimos anos, Lores o único que fixo foi crear catro empregos en prazas de director xeral".

As críticas continuaron sobre o xeito de xestión dos traballos de saneamento na parroquia de Xeve. "Desde o PP queremos transmitir a nosa preocupación porque moitos veciños de San Andrés de Xeve quedan fóra da área de saneamento", dixo Domínguez. "As facturas que se esixen para a conexión son abusivas, non se están facendo as cousas ben", criticou o concelleiro. Tamén a Ponte do Burgo foi diana das recriminacións dos populares. "Apoiamos o expediente informativo que hai sobre esta infraestrutura, a cal supón unha ofensa ao patrimonio histórico-artístico da cidade", aclarou.

Pero non todo foi negativo, Rafa Domínguez valorou positivamente "o esforzo e o traballo do Concello no difícil labor de conciliar o lecer e a saúde nesta edición das Festas da Peregrina 2020".

Para rematar, o presidente local do Partido Popular desexou "todo o mellor a Paloma Castro como deputada no Parlamento de Galicia", á vez que deu a benvida ao novo membro do goberno municipal, o tamén socialista Marcos Rei.

Comentarios