O PP presentou ante o Parlamento 97 iniciativas pola provincia esta lexislatura 

Os deputados e senarores populares por Pontevedra pon en valor o seu traballo fronte a un "PSOE que non presentou absolutamente ningunha"

Diego Gago, Elena Muñoz, Ana Pastor y Miguel Fidalgo, en Pontevedra.DP
photo_camera Diego Gago, Elena Muñoz, Ana Pastor e Miguel Fidalgo, en Pontevedra.DP

Os deputados e senadores do PP pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, Diego Gago, Elena e Miguel Fidalgo compareceron este xoves en rolda de prensa na capital da provincia para dar conta do seu traballo ao longo da lexislatura e para criticar a actitude de Pedro Sánchez e os socialistas.

Segundo destacou Pastor, en todo este tempo os populares presentaron ante o Parlamento 2.513 preguntas escritas e, no caso da provincia pontevedresa, formularon 97 iniciativas, fronte a un "PSOE que non presentou ningunha". Entre as cuestións abordadas polos representates do PP, Ana Pastor destacou unha proposición non de lei solicitando a creación dunha nova titulación de FP de cantería a fin de poder dar resposta ao actual problema da inexistencia dun título homologado para o alumnado da Escola de Canteiros de Poio

Tamén recordou a proposición para ampliar o carreiro litoral de Campelo (Poio) dándolle continuidade desde A Seca ata Combarro, así como a solicitude de apoio ao Goberno central para o Xacobeo 2021. A estas sumáronse outras solicitudes de información sobre o avance das obras da A-57, a subestación eléctrica para Vigo, a liberación do sistema ferroviario, a comisaría de Redondela, a Praza de Abastos de Cambados e a problemática da proliferación de xabarís, entre outras cuestións. 

"Aínda que o PSOE intentou que o Parlamento non tivese actividade, os deputados e senadores do PP pola provincia de Pontevedra estivemos traballando como servidores que somos dos cidadáns", apuntou Ana Pastor. "Pedro Sánchez só visita Galicia en campaña electoral. Gustoume que se preocupase polos problemas dos galegos", engadiu. "Agora pretende chamar a unha suposta estabilidade cando o seu propio proxecto político susténtase sobre bases moi pouco firmes. O clima de incerteza política do país provocouno o señor Sánchez, non o Parlamento de España. Xerou inestabilidade cando adiantou as eleccións, volveuna a xerar porque non foi capaz de negociar e volveuna a xerar porque pactou con populistas e independentistas que logo o deixaron tirado", dixo. 

O mesmo indicou Miguel Fidalgo, mentres que Diego Gago engadiu que "o PSOE non podería dar esta rolda de prensa que estamos a dar nós porque eles nin sequera teñen nada que vender". O deputado destacou tamén que a provincia de Pontevedra volva ter por parte do PP "a unha candidata ao Congreso como Ana Pastor, que é un valor seguro e unha garantía", concluíu.

"O Goberno debe 700 millóns a Galicia"

A senadora Elena Muñoz acusou o Executivo de Sánchez do "ataque máis grande que fixo un Goberno de España contra o noso Estado de Autonomías" ao "negar o financiamento que lles corresponde ás comunidades". Múñoz criticou o "periplo vergonzante" do Goberno socialista ao negar primeiro o traspaso de fondos para logo cambiar de criterio en plena precampaña. Engadiu que "Galicia é especialmente prexudicada" porque si cumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria.

Comentarios