O PP reclama o peche do 'botellódromo'

Domínguez acusa o Concello "de promover" o consumo de alcol entre os mozos e exime á Xunta de responsabilidades a pesar de cuestionar a legalidade deste espazo para beber
 
Un grupo de jóvenes en el recinto del botellódromo, en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Un grupo de jóvenes en el recinto del botellódromo, en Pontevedra. RAFA FARIÑA

O PP volve á carga contra o botellódromo. O seu portavoz, Rafa Domínguez, reclamou este mércores o peche deste espazo logo de acusar o Concello "de faciltar" e "promover" o consumo de alcol entre os mozos no Recinto Feiral de Pontevedra. 

O líder do principal partido da oposición considera que neste ámbito están a producirse "problemas intensos de convivencia". Entre eles enumerou o "acceso a menores"; "brotes de pelexas, algunhas delas provocadas por grupos de mozos, algúns menores" e "insultos homófobos intolerables". Aínda que non existe ningunha denuncia formal sobre estes incidentes, Domínguez asegura chegar a eles a través de denuncias "públicas (a través de medios de comunicación) e en redes sociais".

O popular tamén puxo en cuestión a legalidade do denominado botellódromo, que Pontevedra reabriu o pasado mes de outubro ao defender que a Lei de Saúde de Galicia, que prohibe o consumo de alcol "na vía pública, en parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público" non é de aplicación. O motivo é que este é un espazo dotacional do Pazo da Cultura, polo que estaría fóra desta ordenación.

Villaverde asegura que Pontevedra "non comete ningunha ilegalidade" por habilitar o Recinto Feiral a actividades "festivas". "O que lle molesta ao PP é que se solucionen problemas", di en relación á supresión do botellón no centro histórico

Domínguez afirmou que o Goberno local non dispón de ningún informe xurídico que avale esta tese, o que obrigaría ao Sergas a intervir para decretar o peche deste espazo, un escenario que non se produciu nos últimos tres meses. Ao ser preguntado ata en catro ocasións pola prensa sobre a inacción autonómica, o portavoz do PP eximiu ao Executivo autonómico de calquera responsabilidade. "O que o está facendo e o que o está favorecendo é o Concello de Pontevedra. Outras institucións terán que ver se é a súa competencia actuar ou non", respondeu. "Supoño que a Xunta terá que tomar medidas", engadiu despois, tras a insistencia dos medios sobre esta contradición.

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, asegurou este mércores que o Concello "non comete ningunha ilegalidade" ao utilizar o Recinto Feiral para a celebración de actividades "festivas". "O que lle molesta ao PP é que se solucionen problemas", dixo en referencia aos problemas de convivencia xerados o ano pasado polos botellóns no centro histórico da cidade. "Buscan problemas onde non vos hai", resolveu a edil do BNG.

O denominado botellódromo abriuse no Recinto Feiral en 2008. Fíxose a través da aprobación da ordenanza de Convivencia Cidadá, que se puxo en marcha para acabar coas aglomeracións de xente na zona vella bebendo alcol durante as noites do fin de semana. O espazo estivo operativo ata que chegou a pandemia do coronavirus. E non foi ata verán do ano pasado cando se instalaron carteis nos accesos ao recinto para prohibir o botellón. Aquelas indicacións estaban relacionadas coas directrices aprobadas entón pola Xunta para conter a crise sanitaria. Entre o 8 de xullo e o 15 de outubro de 2021, o espazo estivo inhabilitado.
 

Comentarios