O PP urxe á Deputación 10 millóns de euros para pemes, autónomos e sector hostaleiro

O grupo popular reclama ao Goberno coaligado axudas para o pago dos gastos correntes de luz, alugueres, teléfono e Seguridade Social
2020111314162867108
photo_camera Jorge Cubela (centro) con Carmen Amoedo e Luís López, este xoves. DP

O borrador de orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2021 elaborado polo Goberno coaligado xa recibiu a súa primeira alegación. O grupo provincial do PP reivindicou este xoves a inclusión nas contas dunha partida específica de 10 millóns de euros para axudar os autónomos, as pemes e o sector hostaleiro a superar a crise económica xerada pola pandemia.

Jorge Cubela, Carmen Amoedo e Luis López defenderon en rolda de prensa que este plan extraordinario é "necesario e vital" porque a Deputación, precisaron, "ten que defender os intereses económicos dos concellos e, polo tanto, non pode permanecer allea á realidade desta crise sanitaria e económica".

En todo caso, os representantes do PP recoñeceron que efectuaron esta proposta sen ver o borrador de orzamentos porque aínda non llo facilitou o Goberno provincial.

Segundo explicou Cubela, "é momento de que as administración públicas arrimemos ou ombreiro, sobre todas aquelas de maior capacidade económica e cunha dispoñibilidade orzamentaria como a da Deputación de Pontevedra, que ten un presuposto (que en 2021 será de 164,5 millóns de euros) que supera con moito a suma de todos os orzamentos dos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia de Pontevedra".

A proposta que defende a formación conservadora ten como obxectivo, reiterou Cubela, "axudar os nosos autónomos, o sector hostaleiro e as pemes a facer os pagos dos seus gastos correntes de luz, alugueres, teléfono, cotas da Seguridade Social e todo o que nestes momentos, coa caída de ingresos e beneficios, poidamos axudarlles a restablecer unha situación de normalidade".

A formación conservadora reclama apoio para os pequenos empresarios porque "son o motor da creación de emprego"

O ESPELLO DA XUNTA. O portavoz do grupo popular indicou que a Xunta é, nestes momentos, "a única administración que anunciou que vai facer unha convocatoria de axudas específicas para os autónomos e outra para a hostalería. Iso debe ser o espello no que mirarnos as demais administración. Temos que facelo. É perentorio e fundamental que a Deputación apoie os autónomos, os pequenos empresarios que co seu esforzo levantan a persiana desta provincia e que son o motor da creación de emprego".

Cubela acusou á Administración provincial de estar "desaparecida desde xuño na xestión da covid. Descoñecemos en que traballa, pero é necesario que a provincia se blinde ante esta pandemia, é preciso que apoie os concellos e os sectores prexudicados", insistiu.

Nesta mesma idea incidiu Luis López, que lamentou que "esta falta de apoio da Deputación é a mostra evidente do desprezo que amosan aos autónomos e pemes xusto non momento que máis o precisan. Por iso —subliñou— é urxente deixar de ser a única administración provincial sen un plan específico de axudas para eles".

A proposta dos populares, segundo indicou Luis López, pasa por asignar unha contía aos concellos cunha poboación de menos de 50.000 habitantes "fóra do Plan Concellos" tomando como modelo o que está a facer a Deputación da Coruña "e que deixe de ser a única deputación galega que non destinou nin un só euro para os autónomos".

Pola súa banda, Carmen Amoedo manifestou que crear un plan especifico de axudas aos autónomos, pemes e hostalería "é cuestión de vontade política" porque, argumentou, "a Deputación ten capacidade económica para facelo".

Neste sentido, recordou que a institución provincial conta con 18 millóns de euros correspondentes a remanentes e que considera "incomprensible que se poña de costas ás necesidades e urxencias da provincia". Ademais, a deputada popular apuntou que máis de 5,5 millóns de euros do Orzamento de 2020 "foron para publicidade e propaganda de Carmela Silva", a presidenta da Deputación.

"Son momentos críticos e por iso pedimos eses 10 millóns. Hai ben de onde sacalos para axudar uns dos sectores que máis o precisan", apuntou Carmen Amoedo.

Comentarios