A praia fluvial do Lérez estrea nova imaxe

As obras de mellora e posta a punto supuxeron un investimento de case 50.000 euros
Praia fluvial do Lérez. DP
photo_camera Praia fluvial do Lérez. DP

O posto de socorrismo acuático e a caseta dos baños da praia fluvial do Lérez foron obxectivo dunha intervención decorativa baseada na nova imaxe Verde Urbano, que tamén se reflicte nos paneis informativos do areal e baixo a que se engloba toda a rede de espazos naturais, xardíns e parques da cidade. O vistoso e colorista resultado estético desta acción foi supervisado este venres pola mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, nunha visita na que estivo acompañado polo alcalde en funcións, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán; e representantes da empresa EC Casas, que está a rematar as obras de achega de 450 metros cúbicos de area na praia.

Na praia instaláronse recentemente dous paneis coas normas de uso do espazo, adaptadas á situación da nova normalidade. Entre outras novidades, o concelleiro Iván Puentes decidiu declarar o areal do Lérez “praia libre de fume”, unha medida de prevención adoptada ante o perigo de contaxio da Covid-19 “que supoñen os restos de saliva nas cabichas dos cigarros que se botan á area”.

Praia fluvial do Lérez. DP Gañáronse uns metros de zona de baño

A praia fluvial tamén estreou hoxe o novo balizamento perimetral da área de baño, que este ano se retranqueou uns metros río adentro co obxectivo de que os bañistas dispoñan de suficiente espazo mesmo cando baixa a marea. “Reparáronse ou substituíronse as boias que se atopaban deterioradas e en malas condicións e gañouse zona de baño, xa que algunhas boias estaban practicamente sobre a area cando baixaba a altura do río”, sinalou Iván Puentes.

O servizo de socorrismo empeza a funcionar este sábado e rematará o 31 de agosto

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural indicou que o seu departamento investiu case 50.000 euros na mellora e posta a punto da praia do Lérez, nun paquete de actuacións e dotacións no que, ademais dos socorristas e o achega de area (executada pola firma EC Casas cun orzamento de 15.000 euros), se inclúen un zafarrancho de limpeza en profundidade e sega de herbas e a ampliación do servizo de desinfección e limpeza dos baños de dúas a catro quendas (cunha achega de 9.000 euros).

Boa parte do investimento, 18.123,53 euros, destinouse á contratación do servizo de socorrismo, que comezará a funcionar a partir deste sábado e até o 31 de agosto. Dous profesionais da empresa Transgalaica SL encargaranse de velar pola seguridade dos bañistas e de atendelos ante calquera incidencia.

Entre o 27 e o 30 de xuño haberá un socorrista de luns a domingo en horario de 12:30 a 20:30 horas e, do 1 de xullo ao 31 de agosto, prestarán xa servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16:30 e as 20:30 horas e un de luns a domingo entre as 12:30 horas e as 16:30 horas.

O servizo de socorrismo tamén se verá mellorado nos vindeiros días coa instalación dunha cadeira de vixilancia (adquirida cunha achega de máis de 2.000 euros) e dun mastro, así como de bandeiras de cores, para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido. 

Comentarios