A praza da Peregrina converterase o próximo día 20 de setembro nun salón de peiteado e estética grazas ao programa municipal Rizando o Rizo. O proxecto, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e pola Deputación de Pontevedra, está organizado pola Asociación Provincial de Perruqueiros e desenvolverase cun formato business meeting. Nel, os expertos do sector darán a coñecer os seus servizos a través de diferentes desfiles e entrevistas.
O meeting será presentado pola actriz e xornalista da TVG Fátima Mella, que contará co apoio da presidenta da Asociación de Perruqueiros, Beatriz Pintos. A exhibición durará tres horas, desde as 17.00 ata as 20.00 horas, e haberá unha actuación acrobática protagonizada por Rebeca Santos, directora da escola Gotic Circus School de Pontevedra.
"Rizando o Rizo discorrerá nun escenario, con decoración e mobiliario de empresas locais, dando visibilidade non só aos profesionais da perruquería e a estética, senón tamén a outros sectores do noso tecido empresarial local, como Senso Emociones y Mobles ou Floristería Peregrina, que son os encargados do atrezo", explicou este venres a edil Yoya Blanco.
Neste sentido, cabe destacar que no evento estará moi presente a moda do comercio local, xa que, tal e como explicou a concelleira socialista, "nos desfiles, as modelos vestirán roupa do noso comercio".
En canto ás entrevistas, haberá cinco intervencións: Betty Barberías, que falará da substitución xeracional; a Academia de Peluquería Rizo Belle, que presentará os traballos dalgunha das súas alumnas; o pontevedrés Óscar Mendoza, CEO e fundador de Hospital Capilar, que logrou que España sexa recoñecida como un referente internacional en enxertos capilares; Mónica Pintos, con Bio Make Up Maker, que explicará en que consisten os seus tratamentos de beleza saudable; e, para rematar, diversas barberías de Pontevedra que mostrarán algúns recollidos, perrucas, así como tamén as últimas tendencias neste sector.
A presidenta da Asociación Provincial de Perruqueiros, Beatriz Pintos, agradeceu a colaboración por parte de todos os negocios da cidade para levar a cabo este evento. "O noso sector necesita este tipo de actividades. Pasámolo moi mal e estamos a empezar a estar un pouco mellor así que é unha alegría ver que se poden facer cousas xuntos e colaborar entre todos, axuntar esforzos e demostrar que o individualismo non vale a pena".
Con motivo da pandemia, o Concello colocará na Praza da Peregrina numerosas cadeiras para o público asistente ao evento.
"Aínda que efectivamente volven as melenas, os bob, ou os flequillos, ao final temos que adaptarnos á fisionomía de cada un. A xente xa non vén con fotografías para verse como a actriz de turno, senón que buscan personalizar o seu corte e elixen o que queda ben a cada persoa", asegura Beatriz Pintos, que recoñece que "para nós é un reto pero creo que é unha das partes máis bonitas, que a persoa saia satisfeita polo que ela pediu e non polo que leve fulanita ou menganita".
Repunta na demanda
O sector da barbería e a estética viuse duramente afectado pola pandemia, con todo, desde o mes de agosto vive unha pequena repunta na demanda.
"Aínda que haxa que estar con máscara, a xente entendeu que os eventos se teñen que celebrar. Hai noivos que tiveron que atrasar as súas vodas tres ou catro veces e chega un momento no que xa hai que celebralas", asegura Pintos.