O prazo para solicitar praza nos colexios abrirase o domingo de xeito telemático

O periodo permanecerá aberto ata o 20 de marzo ► O trámite poderase facer presencialmente nos centros desde o luns 2
Aula de un colegio. EP
photo_camera Aula de un colegio. EP

Desde o próximo domingo día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020-2021, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, de Educación Primaria de Eso e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles, segundo informou onte a Consellería de Educación.

O calendario do procedemento de admisión e matrícula está establecido na orde de 12 de marzo de 2013, que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Tal como queda reflectido na dita orde, as solicitudes de admisión poderán presentarse a de xeito telemático a partir do domingo día 1 de marzo, mentres que de xeito presencial nos centros escolares desde o luns 2, prazo que permanecerá aberto ata o 20 de marzo (aínda que o 19 é festivo e o 20 non é lectivo nalgúns colexios).

BAREMO. A Consellería tamén lembra que ten a disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

SORTEO DA LETRA. Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante. Tal como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar onte na Consellería de Educación, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron T e G para o primeiro apelido e E e X para o segundo.

Comentarios