Premio para o compromiso social do proxecto Yaracan

A quinta edición de Pont-Up Store reuniu na praza de España a case 25.000 visitantes, que participaron nun intenso programa de actividades

Foto de familia da organización, os patrocinadores e os emprendedores premiados nas diversas categorías. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de familia da organización, os patrocinadores e os emprendedores premiados nas diversas categorías. RAFA FARIÑA

A proposta de terapias asistidas con cans da empresa Yaracan, conquistou ao xurado como mellor emprendemento da quinta edición de Pont-Up Store, que se clausurou onte. Segundo a organización, o espazo de emprendemento reuniu en tres días en Pontevedra a preto de 25.000 visitantes e asistentes, que participaron nun intenso programa de actividades entre as que destacaron iniciativas enfocadas a empoderar mulleres emprendedoras e a promover a economía máis social e transformadora.

Yaracan logrou o premio ao mellor emprendemento coa súa proposta de facilitar terapias con animais

Á entrega de premios, celebrada a mediodía, asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Carmen Fernández, directora territorial de Abanca, e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que "o mellor premio para as empresas é estar aquí seleccionadas aproveitando esta plataforma e as oportunidades que lles brinda para lanzar, testar e visibilizar o seu negocio".

Yaracan logrou o premio ao mellor emprendemento coa súa proposta de facilitar terapias con animais para mellorar as capacidades de comunicación de persoas con distintas diversidades funcionáis como por exemplo mozas e mozos con síndrome de Down. Durante o encontro esta empresa de Vigo estableceu unha alianza con Bichoh!, outra das iniciativas participantes, que se dedica ao deseño e fabricación de complementos artesáns para cans e que ten base en A Coruña. Yaracan tamén conseguiu o premio na categoría de turismo, ocio e benestar.

Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos

Na categoría de alimentación e restauración gañou a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que sorprenden e que poden achegar solucións ao mundo da saúde elaborando por exemplo pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e apetecibles destinados á cativada. Non obstante, a mellor liña de negocio desta empresa son os descartes e despeces de vexetais, peixe ou carnes con altor valor nutricional pero pouco aprezados no mercado polo seu aspecto, que unha vez transformados poden convertirse en productos de alto valor engadido. O proxecto está triunfando a nivel internacional e xa conta co apoio do Basque Culinary Centre. No Pont-Up Store iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacks de froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nen azúcares engadidos, que semellan lograr o imposible, comer chuches saudables, e que coa axuda de Exga3D poderían presentarse no mercado con múltiples formas e propiedades.

Na categoría de formación, educación, arte e cultura o premio foi para Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que leva a cabo un grupo no concello ourensán de Os Blancos, responsables de murais en toda a comarca e tamén do Festival Reina Loba que conta xa dúas exitosas edicións. Na categoría de comunicación, deseño gráfico e eventos as gañadoras foron as Mulleres Atlânticas, unha comunidade de emprendedoras nacida a raíz das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas.

Xtonebox, que sorprendeu cunha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade

Na modalidade de enxeñería, consultorías e outros servizos fíxose co premio outra empresa viguesa, Xtonebox, que sorprendeu cunha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade.

En deseño de moda, complementos e decoración as gañadoras foron Las Flores de Greta, outra empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións téxtis elaboradas coa técnica do ecoprint, coa que conseguen trasladar os pigmentos naturais de follas e flores a tecidos de orixe orgánica. Entre os seus servizos estrela ofrecen a posibilidade de transferir a unha prenda de seda os ramos de boda ou de calquera evento sinalado que demande a clientela.

DOBRE GALARDÓN. Por último, na categoría de TIC e novas tecnoloxías o comité decidiu conceder un premio dobre a dúas empresas pola súa implicación das actividades do Espazo Gaming que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de entornos visuais para videoxogos; e á asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de gamers entre os que promove o compañeirismo, a competitividade sana, o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo a filosofía de pasalo ben. Teñen un local en Pontevedra e equipamentos para desenvolver todas estas actividades, e durante o Pont-Up Store desenvolveron torneos arredor de diferentes videoxogos.

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, mostrouse «moi satisfeito» polos resultados desta edición, «que demostra que sacar ás emprendedoras á rúa e poñelas en contacto directo co público é o mellor xeito de visibilizar o talento empresarial que temos en Galicia». Figueroa sinalou tamén a gran capacidade deste encontro para conectar a emprendementos complementarios «que inician aquí alianzas e colaboracións para mellorar e diversificar os seus negocios». Por último, avanzou que «en futuras edicións a organización seguirá traballando para dar voz aos proxectos máis transformadores do país, pulando pola economía social como fórmula empresarial sostible e de futuro e dando espazo ás propostas das emprendedoras galegas».

Comentarios