Premio para o IES Sánchez Cantón pola posta en valor do Gafos e o seu contorno

O instituto foi un dos dez centros galegos recoñecidos co Proxecta de Innovación Educativa

11,00 h.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidirá o acto de entrega dos III Premios Proxecta de Innovación Educativa 2018. No auditorio do CIFP Compostela (Lamas de Abade, s/n).
foto xoán crespo
24/05/2019
photo_camera 11,00 h.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidirá o acto de entrega dos III Premios Proxecta de Innovación Educativa 2018. No auditorio do CIFP Compostela (Lamas de Abade, s/n). foto xoán crespo 24/05/2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu onte o acto de entrega do Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018, co que se recoñece e visibiliza a calidade dos traballos que desenvolveron dez centros educativos de Galicia ao abeiro do Plan Proxecta, segundo informou o departamento autonómico nun comunicado.

O IES Sánchez Cantón estivo entre os centros galardoados, xa que acadou o terceiro premio na categoría B, dirixida aos centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos.

Durante a súa intervención, a conselleira calificou o Plan Proxecta como "unha porta aberta á transformación, á innovación e á mellora do noso sistema educativo". Das iniciativas galardoadas destacou "a súa preocupación por unha educación en valores, a vida saudable, a defensa do medio ambiente, a promoción da contorna rural ou a protección do noso patrimonio máis próximo". Neste sentido lembrou que para saír adiante estes proxectos precisaron dun traballo de coordinación e cooperación entre diversos departamentos do Goberno galego, así como con outras entidades. "Grazas a todos eles logramos integrar dinámicas que incentivan a creatividade, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e, por suposto, o traballo en equipo e en rede", dixo.

Carmen Pomar quixo, así mesmo, agradecer o labor dos docentes implicados no desenvolvemento destes traballos. "Confiastes nos proxectos, puxestes neles toda a ilusión e o esforzo. É bonito ver premiada a capacidade de promover unha educación activa e a contribución á mellora da calidade educativa", rematou.

A dotación total dos galardóns ascende a 28.000 euros. Os primeiros obteñen 6.000 euros cada un, os segundos 4.000 e os terceiros 2.000 euros.

TERRA E PAISAXE. Na súa participación no Plan Proxecta o IES Sánchez Cantón amosou un grande interese polo territorio, o patrimonio natural e cultural e a cidade, a través dos programas Proxecto Terra e Paisaxe e sustentabilidade.

A Consellería salienta o desenvolvemento dun proxecto centrado no coidado e no respecto polo medio ambiente a través da posta en valor do río Gafos, do barrio da ribeira dos peiraos de Pontevedra e do patio do instituto, co fin de favorecer entre o alumnado o coñecemento da súa contorna máis próxima.

PLAN PROXECTA. O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

No actual curso 2018-19 participan no Plan Proxecta 542 centros de ensino e preto de 138.000 alumnas e alumnos.

Comentarios