A profesora de Belas Artes Ana Soler gaña un concurso de deseño de Lexus

A marca xaponesa de coches de alta gama premia o proxecto 'Bluz', realizado con 1.800 varas de fibra de carbono

Bluz, o proxecto de Ana Soler galardoado por Lexus UVIGO
photo_camera Bluz, o proxecto de Ana Soler galardoado por Lexus. UVIGO

A profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, Ana Soler, vén de gañar o concurso Lexus Art Car, un certame a través do que a marca xaponesa de coches de alta gama convidou a sete artistas e deseñadores de diferentes puntos de España a realizar unha interpretación artística do seu novo modelo Lexus UX 250 h híbrido. O proxecto galardoado, "Bluz", foi realizado con 1.800 varas de fibra de carbono, recubertos de pintura fluorescente.

Segundo informa o diario dixital da Universidade de Vigo (www.uvigo.gal), «tras ser seleccionada como gañadora a través dunha votación na que participaron máis de 3.200 persoas, Soler verá o seu deseño fabricado e presentado este mes no salón do automóvil de Barcelona, para participar posteriormente, no mes de xuño, en París, no certame internacional Lexus Car Art Europa, xunto ao resto de proxectos gañadores nos concursos levados pola firma en diferentes países».

Tal e como Lexus anunciou durante a celebración da feira de arte contemporáneo Arco, xunto a Ana Soler, competiron neste concurso en España Marta Alonso e Imanol Yebra, de Mayice Studio; Trini Salamanca e Pablo Párraga; Ana Milena Hernández e Christophe Penasse, de Masquespacio; Zaida Sabatés, Ana Roquero e Francisco Segarra.

A profesora de Belas Artes tratou de representar no seu proxecto «a aura» do coche, tal e como recolle o diario universitario.

Comentarios