Tres profesores de Pontevedra que aspiran a ser os mellores docentes de España 2022

Os Premios Educa Abanca fixeron pública o pasado 30 de xullo a listaxe definitiva dos mestres que optan a ser o mellor educador do país ► A organización recibiu 1.306 propostas procedentes do propio estudantado
De esquerda a dereita, Mª Asunción Lorenzo, Miguel Quiroga e Millán Brea. DP
photo_camera De esquerda a dereita, Mª Asunción Lorenzo, Miguel Quiroga e Millán Brea. DP

María Asunción Lorenzo Rial, docente na Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra e investigadora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais; Millán Brea Castro, profesor no CIFP A Xunqueira, e Miguel Quiroga Bóveda, profesor de Secundaria no IES Johan Carballeira de Bueu son os tres representantes locais na relación de nominados aos VI Premios Educa Abanca. Mejor Docente de España 2022, segundo informou a organización.

A UVigo ten outro representante na lista, o docente e investigador do Departamento de Matemática Aplicada I, Javier Martínez Torres. Nesta categoría figuran outros 42 representantes de universidades públicas e privadas, entre eles Emma Mayo Pais, da Facultade de Psicoloxía da USC.

Nesta edición recibíronse 1.306 propostas procedentes do propio estudantado (Secundaria e Bacharelato, Educación non formal, FP e Universidade) e de familiares do alumnado, no caso de Infantil e Primaria, procedentes de toda a xeografía española.

Nas categorías de Infantil (27 nominados) e Primaria (34) non hai representación galega. En Educación non formal atópase Gema Arias Varela (Pianoma International Online Music School) de Oleiros, A Coruña. Logo de coñecerse os docentes nominados, o 30 de outubro publicarase o listado dos dez finalistas en cada categoría e o 15 de novembro as puntuacións obtidas por cada un deles e delas, acadando o título de Mejor Docente de España 2022 quen acade a maior puntuación. No ano 2020, Millán Brea, que daquela exercía como profesor do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, xa fora nominado aos galardóns.

Nados en 2016, da man de docentes de diferentes etapas educativas, co obxectivo de que o alumnado premie ao profesorado que destaque pola súa boa praxe, os Premios Educa Abanca están organizados pola plataforma EDUCA, coa colaboración de Afundación.


"Para ser unha boa profesora hai que romper coas ideas preconcebidas"

MARÍA ASUNCIÓN LORENZO ► NOMINADA AOS PREMIOS EDUCA ABANCA
As novas metodoloxías para achegarse ao alumnado actual, con motivacións diferentes; os retos medioambientais e a perspectiva de xénero son tres piares no xeito de exercer a docencia por esta profesional, nova e actualizada, na Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra
María Asunción Lorenzo. DP
María Asunción Lorenzo. DP

María Lorenzo (Rianxo, 1989) é a única docente do campus universitario de Pontevedra na relación de nominados ao Premio Educa Abanca. Desde hai cinco anos imparte aulas na Facultade de Ciencias da Educación, a mesma na que se graduara uns anos anos antes e onde tamén estudou o mestrado e fixo o doutoramento. "Estar nominada con 33 anos na categoría de Universidade é todo un orgullo", admite. 

Estudante, docente... Aínda que nacida en Rianxo súa carreira está intimamente ligada á facultade pontevedresa. 

Si. A miña traxectoria foi toda nesta facultade. Primeiro estudei para mestra de Educación Primaria, logo fixen o mestrado e son pedagoga-terapeuta e tamén o doutoramento en Equidade e Innovación en educación. 

Como recibiu a nominación? 

Con sorpresa, totalmente. Non levo moitos anos e foi unha época complicada, coa pandemia, a docencia virtual, este curso que foi mixto... Foi un curso especialmente peculiar. Foi complexo, porque a xente á que lle dei clase este ano, de segundo, viña de non ter pisado a facultade, porque o primeiro curso foi virtual. Dou clase en Educación Infantil e tamén no Máster de Investigación e innovación en didácticas específicas para Infantil e Primaria. E tamén no Mestrado de Secundaria. 

Na categoría de Universidade é o propio alumnado o que nomina. 

Si... E non sei por parte de quen veu, a verdade. Onde máis docencia teño é en Educación Infantil, estiven todo o curso con eles. 

Ten idea dos motivos da nominación? Quizais ser unha profesora tan nova pode supor un achegamento ao alumnado? 

Supoño que facilita a comunicación, as relacións entre iguais, pero sobre os motivos... nin idea. Foi un ano complicado, por adaptarnos despois da pandemia e non me deron ningunha pista, estou sorprendida. Supoño que dobrar esforzos para adaptar as clases, os cambios de leis de educación que se produciron este ano, que nos obrigou a poñernos ao día tan pronto... Supoño que intentar estar actualizada é unha das cousas que valorarían positivamente. Porque a idea é darlles unha educación de calidade. 

Como ve as actuais promocións de futuras mestras? Con vocación, con idea de renovar os métodos educativos...? 

Vexo moito interese por aprender a ensinar de forma diferente e adaptarse ás novas realidades, de integrar a tecnoloxía como parte dos procesos de ensino e aprendizaxe... A preocupación polo medio ambiente nas clases e por valorar a importancia de ter en conta a perspectiva de xénero son as cousas que máis tratamos nas clases e ás que máis valor se lles dá, sobre todo nunha titulación na que son preferentemente mulleres. Ven a importancia de formarse en aspectos relativos aos retos medioambientais, novas metodoloxías para achegarse a ese novo alumnado con motivacións diferentes e tamén poñer en valor o traballo das nenas, das mulleres. Eses son os tres pilares fundamentais que consideran de grande interese para afrontar os retos educativos. 

"Deberíase potenciar a relación entre a escola e a Universidade para que camiñaran xuntas cara a innovación"

Cre que fai falta darlle unha volta ao método xeralizado de ensino que hai nas escolas? 

Si, creo que teñen moito impacto as experiencias previas. Na nosa profesión moita xente vén de pasar pola escola e chega con esa idea de "isto é ser profe", que noutras profesións quizais non pasa tanto porque non as viviches de preto. Vés con esa idea e é moi difícil cambiar esa idea por unha nova realidade, con estratexias educativas diferentes. É difícil porque está moi asentada. Unha das cousas que máis custa é desaprender para aprender. Esquecer esas prácticas que non se axustan ás necesidades actuais, esa educación tradicional, esa transmisión de coñecementos, por unha nova na que o alumnado sexa o protagonista e teña voz e voto. Custa romper co anterior e pensar en que profe quero ser, independentemente do tipo de educación anterior que recibira. E non reproducir modelos que aprendín como estudante. Pero é algo moi típico da nosa profesión, porque todo o mundo pasou pola escola. 

Para iso está a Universidade? Para romper con esas inercias? 

A Universidade dáche a posibilidade de crear a túa propia identidade, como profesional. Aprendo cousas e collo as que considero que axustan máis ao tipo de profe que quero ser. E para iso hai que romper coas ideas preconcebidas. 

Agora é compañeira de docentes que lle deron clase non hai tanto tempo. Como se leva? 

Lévase moi ben porque é a xente da que máis aprendo e podo manter ese vínculo creado como estudante. Deberíase potenciar a relación escola-Universidade, crear vínculos moito máis estreitos, para que puideran camiñar xuntas cara a innovación e seguir retroalimentándose. Teño esa sorte de seguir formándome cada día co resto de compañeiros. Iso foi o que me animou a quedar na Universidadepara poder seguir avanzando.


"Agora na aula trátanse temas que antes eran totalmente tabú"

MIGUEL QUIROGA  ► NOMINADO AOS PREMIOS EDUCA ABANCA
A través da física e da química, este docente do IES Johan Carballeira de Bueu intenta transmitir diferentes valores aos alumnos e alumnas que pasan pola igualdade, a diversidade, os dereitos e o feminismo
Miguel Quiroga. DP
Miguel Quiroga. DP

O profesor de Secundaria Miguel Quiroga (Pontevedra, 1988) conseguiu convencer aos seus alumnos de que a física e a química tamén poden ser divertidas e, sobre todo, a que crecer en valores tamén é aprender. Quiroga é a primeira vez que está nominado a uns premios docentes, un feito que considera que é "un orgullo" e agradece aos seus alumnos do IES Johan Carballeira por confiar na súa labor dentro da aula. 

É a primeira vez que o nomina para uns premios ao profesorado, que supón para vostede este feito? 

É un orgullo brutal. Que tanto o alumnado como as familias pensen iso de min é, por unha parte, unha satisfacción e por outra parte, confirma o que levo dicindo sempre, que é que teño os mellores alumnos que un se pode imaxinar, non lles podo querer máis e non podo estar máis orgulloso deles. Encantaríame agradecer ás persoas que confiaron en min para esta nominación. 

Como recibiu a noticia? 

Non o esperaba para nada. O día que me enterei foi unha alegría inmensa e unha satisfacción brutal. Eu non me considero nin o mellor profesor do instituto, entón foi unha sorpresa moi grande para min. 

Por que cre que o alumnado decidiu nominalo? Que lles motivou? 

Sempre me esforcei en intentar facer todo con todo o cariño do mundo; imaxínome que tivo que ser por iso. Sempre intentei estar cerca delas e deles para calquera cousa que poidan necesitar e para calquera axuda. Creo que a miña nominación máis que pola labor docente vai pola labor de acompañar, axudar e de botar unha man, máis que polo feito de como imparto as clases, que me imaxino que algo tamén, aínda que creo que vai máis por esa parte. 

Na aula sempre intenta plantexar a súa materia dunha forma diferente e que capte a atención dos alumnos. 

Creo que é un pouco de todo. Por un lado intento facer as clases da mellor forma que ser, amenas, divertidas... e por outro lado, que quizáis para min é o máis importante, intentar apoialos e que sepan que poden contar conmigo, ou polo menos que vou saber escoitalos. Cada día na aula o que intento facer é o que creo que é o correcto. 

"Unha das cousas máis bonitas que ten esta profesión é que nunca pedimos nada para nós, senón que o pedimos para o alumnado"

Cal considera que é o estado de saúde do sistema educativo actual? 

Nunca nos imos a contentar co que hai e sempre vamos a querer máis. Ao final unha das cousas máis bonitas que ten esta profesión é que nunca pedimos nada para nós, senón que o pedimos para o alumnado. Nunca vai a ser perfecto porque sempre pode haber un ratio más baixo, máis axudas, máis medios... Como o vexo? Esperando que se encamiñe niso. 

Fai pouco que está na docencia, pero nestes últimos anos o sistema e o que se ensina na aula cambiou... 

Aí si que vexo moito cambio e gústame o cambio que vexo. Xa non falo de min, senón que falo de profesores que tiven e de profesores que agora son compañeiros meus e vemos que agora trátanse temas que antes eran completamente tabú. Agora fálase de igualdade, de diversidade, de dereito LGTBI, de respecto, de feminismo... Antes era puramente materia. É certo que moitas veces comparamos a selectividade de antes coa de agora: "Antes o alumnado saía máis preparado". Si, quizáis sabían máis Física, non o nego, pero e que agora saen con moitos máis valores que antes non se tiñan. Eu teño claro que á hora de compartir a miña vida persoal ou profesional cunha persoa prefiro que saiban menos Física e que saiban respetar e tolerar.


"O sistema actual non permite ao profesorado saírse das vías do tren"

MILLÁN BREA ► NOMINADO AOS PREMIOS EDUCA ABANCA 
A busca da motivación do alumnado dentro da aula é a clave para o docente ourensán Millán Brea, que cre que o sistema educativo se ten que adecuar aos tempos e conseguir que dos centros de educación superior saian á rúa bos e boas profesionais
Millán Brea. DP
Millán Brea. DP

No ano 2020, Millan Brea Castro (Ourense, 1981) xa fora nominado aos galadóns Educa Abanca cando exercía como profesor do Grao de Educación Social no campus de Ourense. Este curso impartiu clases por primeira vez nun ciclo superior, concretamente no de Integración Social do CIFP A Xunqueira, unha experiencia que califica de "intensa" e que "me axudou a corroborar a miña paixón pola docencia". 

Repite nominación nestes premios docentes Educa Abanca... 

Cada vez que te poden nominar a un premio sempre estás moi ilusionado; ao final non deixa de ser un recoñecemento do alumnado. Que as alumnas deste ano considerasen que eu podía estar nominado a isto... non hai nada mellor. Eu sempre digo que aprendo máis delas e están recoñecendo un traballo que a min me gusta e me ilusiona. O premio é dobre. 

Este curso estivo por primeira vez impartindo clases nun ciclo superior, ¿como foi a súa experiencia? 

A docencia é o que máis me gusta e este ano corroborou o que pensaba. Xa me gustaba na universidade e agora en FP, ao estar día a día, fai que te enganches, aínda que tamén é duro. Este ano foi moi intenso, xa que impartir a asignatura de Habilidades Sociais permitiume facer un mogollón de actividades. Aínda que máis que facelas, eu simplemente poñía os medios e as alumnas eran as que se encargaban de organizar todo. Foi incrible. Gocei coma un anano e a experiencia foi moi boa. Foi un curso moi intenso porque as alumnas estiveron conmigo ao 100%. 

Foi unha sorpresa recibir a nominación dun grupo de alumnas novo para vostede? 

Non o esperaba, a verdade. Sei que as alumnas quedaron moi contentas conmigo e como dato, dez delas están agora en Educación Social e saben que vou a ser profesor seu este novo curso, así que tan mal non o fixen para que tantas alumnas queiran seguir na rama. Un premio destes non o agardas e sempre é unha alegría, así que podo decir que sí que o recibín con sorpresa. Cando eres docente o único premio é saber que o alumno vai a seguir estudando. 

A segunda irá a vencida? 

Non o creo. O proceso do concurso pasa por amosar o que fixemos ao longo do curso e no social non é palpable o producto. Como pode explicar que fixen que unha rapaza se levantase todas as mañás para vir a clase porque tiñamos unha determinada actividade? Iso non se pode valorar. Non conto con pasar; para min o premio xa é isto

"A través de escoitar ás alumnas e saber como se sinten podo chegar a motivalas"

Quizáis foi esa a clave de que o alumnado o teñan en tan boa consideración... 

Algo que creo que fago ben é buscar a motivación. Non me gusta dar unha clase maxistral, senón que eu poida expoñer algo e as alumnas teñan que facer, que ao mellor é sentarse e debatir entre elas, contar como se sinten ou outras veces propoñer ideas. Non fago nada raro nin son un chamán, simplemente que a través de escoitalas e saber como se sinten podo chegar a motivalas; e creo que neso son bo. 

Como ve o sistema educativo actual? 

Hai moita calidade no profesorado, pero o sistema non che permite saír das vías do tren. O problema é que estamos formando á xente para que aprobe materias, pero non profesionais que saen a rúa. Este é o principal problema na universidade e no FP. Eu se estou cunhas alumnas o primeiro que teño que pensar é que son alumnas de Integración social e teño que conseguir que saian como boas profesionais. A veces olvidámonos diso e os alumnos están máis preocupados pola nota numérica para poder entrar nunha carreira. Onde queda a vocación? En ningún sitio.

Comentarios