Promoción Económica e Cegafor impulsan un curso para formar profesionais de Produtos Frescos

A formación está destinada a persoas en situación de desemprego, ata un máximo de 15 alumnos
Yoya Blanco en el mercado. DP
photo_camera Yoya Blanco en el mercado. DP

A Concellería de Promoción Económica e o Centro Galego de Formación (Cegafor) organizan un Curso de Profesionais de Produtos Frescos para transmitir aos alumnos participantes un método estruturado que lles permita xestionar eficazmente a atención ao cliente e proporcionarlles un profundo coñecemento do seu posto para desenvolvelo con profesionalidade. A formación está destinada a persoas en situación de desemprego, ata un máximo de 15 alumnos e alumnas e impartirase, sempre que a situación sanitaria o permita, en modalidade presencial nas instalacións de Cegafor (rúa Manuel Quiroga, 13) ao longo de 120 horas (70 teórico-prácticas e 50 de prácticas en empresas), de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "as clases teóricas darán comezo o 28 de marzo e rematarán o 21 de abril (os días do 11 ao 15 de abril serán non lectivos por Semana Santa), e as prácticas programaranse a partir do 25 de abril, sempre en función das datas que nos marquen as empresas do sector coas que acordemos o acollemento de alumnos/as".

Entre outras cuestións, este curso axudará aos participantes a entender os principais factores de xeración de elementos de insatisfacción entre os clientes e a resolver as posibles situacións complexas e conflitos; desenvolver ferramentas para superar ditas situacións, evitando así escenarios indesexables tanto para o profesional da organización como para os seus clientes dentro do hipermercado; xestionar correctamente e coa máxima eficacia a técnica telefónica; implementar un plan de atención ao cliente, e coñecer os diferentes tipos de carnes, peixes, embutidos, mariscos, froitas, verduras e pans que existen. Asemade, os alumnos poderán adquirir as habilidades necesarias para o manipulado e colocación de produtos no punto de venda; aprenderán a manexar os posibles riscos específicos do seu posto de traballo e a empregar o sistema de etiquetado de produtos, e adquirirán coñecementos sobre a cadea de frío.

As persoas participantes neste curso serán seleccionadas a través do programa Iniciativa Local de Emprego Social (Iles).

Comentarios