"As protestas non cambiarán as expropiacións de Montecelo"

O edil de Ordenación do Territorio argumenta que a tasación das propiedades debe cinguirse á documentación técnica
2019080612411467236
photo_camera Unha ambulancia ao seu paso por unha das vivendas afectadas. J. CERVERA

Os afectados polas obras do novo hospital de Montecelo están abocados a recorrer a instancias xudiciais se pretenden lograr a tasación que reclaman. Así o fixo ver o luns o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, quen admitiu a posibilidade de que existan "erros" na relación de bens a ocupar, pero quen tamén pechou a porta á opción de modificar os criterios de valoración das propiedades.

"Loxicamente, unha expropiación pode ir en contra da vontade do propietario, sobre todo cando é forzosa, pero tamén hai que ter en conta que están collendo o diñeiro de todos os veciños para pagar as expropiacións, polo que hai que aterse á documentación técnica. Non hai posibilidade de que as protestas cambien o valor das expropiacións (...) Afortunadamente, non hai capacidade discrecional", manifestou o nacionalista a preguntas dos xornalistas.

O concelleiro informou de que os veciños interesados en aumentar a valoración trasladada pola Administración autonómica terán que recorrer ao Xurado de Expropiacións e, se procede, aos xulgados, tal e como fixeron outros pontevedreses expropiados. En cambio, os afectados non só manteñen a súa folla de ruta, senón que o luns anunciaron que solicitarán unha reunión co edil nacionalista para que lles explique o posicionamento do Concello.

Os veciños están dispostos a recorrer ao Tribunal Supremo, "se fai falta" para modificar as tasacións das cinco vivendas, os cinco negocios e as 15 parcelas afectadas polo novo complexo hospitalario. Estas foron valoradas en conxunto en 2.593.487 euros e os seus propietarios deben cobrar con carácter previo á ocupación. A previsión é aprobar o proxecto de expropiacións en setembro.

Comentarios