Proxéctase conectar os tres 'xeves' mediante sendas fluviais

Desenvolvemento Sostible anuncia esta proposta para darlle continuidade ao acondicionamento do río Lobada e Fens
2020071316534040927
photo_camera O concelleiro Iván Puentes, na camiñada cos veciños na senda do río Lobada e Fens

Tras rematar o acondicionamento da senda fluvial do río Lobada e Fens, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, propón artellar unha rede de sendas que conecten os "xeves" coas ribeiras do río Lérez e a parroquia de Bora, partindo dende o Pontillón de Castro.

Este plan foi anunciado polo concelleiro nunha camiñada cos veciños de Santa María de Xeve e co xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán. O obxectivo do encontro foi supervisar o remate do acondicionamento da senda fluvial do río Lobada e Fens, en Gatomorto. Esta actuación, levada a cabo nun treito de algo máis de un quilómetro, foi dotada cun orzamento de 3.500 euros.

Puentes sinalou que o acondicionamento do río Lobada e Fens "permitiu recuperar as marxes dunha senda abandonada nos últimos anos e que ten un gran valor paisaxístico, ambiental e patrimonal". Isto débese a que no percorrido da senda atópanse diversos muíños, un lavadoiro e incluso elementos propios das actividades rurais como poldras (pasos de pedra sobre o afluente), pontellas de lousa e muros de pedra. Para realizar o acondicionamento tamén foi preciso podar e limpar árbores da zona cun gran valor, como carballos.

Agora, Desenvolvemento Sostible quere darlle continuinade a esta acción "para comunicala, augas arriba, ata O Pontillón de Castro, a través de Santa María de Xeve e Verdudcido, e aguas abaixo coas sendas fluviais do Lérez", explicou Iván Puentes.

Esta proposta pon o foco en dotar de riqueza ambiental ás parroquias e mellorar á vez a súa integración. "Sería un verdadeiro privilexio poder dispoñer deste sistema de sendas fluviais" ,considerou o concelleiro.

Comentarios