O PSOE afirma que a vaga de calor foi "infernal" e "inhumana" no Hospital

Tino Fernández pide ao alcalde que "tome cartas no asunto"

Imaxe de arquivo de familiares de pacientes no interior do hospital. DAVID FREIRE
photo_camera Imaxe de arquivo de familiares de pacientes no interior do hospital. DAVID FREIRE

O portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, denunciou que as temperaturas que estaban a padecer os pacientes e traballadores do Hospital facían da estancia no mesmo "algo infernal" e que a situación "roza o inhumano". "Os feitos son denunciados cada ano polo persoal do centro sen que a Xunta de Galicia fixera nada por atopar unha solución", engadiu.

Ante esta situación de "pasividade por parte da Xerencia do CHOP" á hora de aliviar a calor que sofren os internados, Tino Fernández demanda que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "tome cartas no asunto". "O Concello ten que ser sensible aos padecementos da xente. Ten que reaccionar e esixir a búsqueda de solucións inmediatas para o problema", manifestou o portavoz do PSOE, que considera que o papel de Lores debe ser o de "liderar a reivindicación dunha solución", pero recoñece que "esta é unha cuestión que traspasa os lindes do noso concello". "Os demais alcaldes deberían ser sensibles e apoiar esta demanda", concluíu.

Os socialistas presentan unha solicitude na que instan ao rexedor a esixir á Xunta a adopción de medidas urxentes para rematar co problema das elevadas temperaturas no Hospital Provincial e a trasladar esta demanda a todos os alcaldes da Área Sanitaria Norte "co obxectivo de que mostren o seu apoio e remitan escritos á Xunta esixindo solucións inmediatas". Agardan que isto poida conducir á "solución do problema de xeito definitivo".

Comentarios