O PSOE insiste en que Lores lidere a mesa do traslado que Ence rexeitou

O portavoz do PSOE censura que tanto BNG como PP coincidan en criticar a convocatoria da mesa para negociar o traslado da factoría

Imagen de la factoría desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP) - Ence
photo_camera Imaxe da factoría desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP) - Ence

O PSOE arremete con dureza contra o alcalde de Pontevedra. Insiste en que Miguel Anxo Fernández Lores ten que liderar unha mesa para negociar o traslado de Ence, unha opción que a empresa rexeita por considerala inviable. "Que se deixe de lerias, que se tranquilice, que non se agoche e que se poña a traballar. Estamos ante un asunto crucial para o futuro de Pontevedra e non se pode despachar con catro escusas mal coordinadas", manifestou este venres o portavoz do grupo socialista, Agustín Fernández, a través dun comunicado.

"Vir a dicir que non lles gustou a forma de propoñelo é intentar desviar a atención"

O rexedor nacionalista considera que a proposta, que conta co aval do Goberno central, non entra dentro das súas competencias. E recorda que o seu obxectivo é anular a prórroga estatal concedida á pasteira para continuar coa súa actividade en Lourizán ata o ano 2073, tanto pola vía administrativa (que o Executivo de Pedro Sánchez xa non contempla) como xudicial.

Fernández sostén que "se hai unha posibilidade, por remota que sexa, de trasladar Ence, (Lores) está na obriga de explorala". "Vir a dicir que non lles gustou a forma de propoñelo é intentar desviar a atención. Pode que Foz de Iguazú sexa un sitio precioso, pero alí non vai atopar solucións a temas tan trascendentais como o futuro de Ence. Ó mellor, o señor Lores debería ter ido a Madrid a falar destes temas en lugar de andar cruzándose mensaxes epistolares cos responsables do Ministerio", dixo en referencia ás cartas que o alcalde enviou a Medio Ambiente para que se revise a concesión da pasteira.

O portavoz do PSOE sostén que o tempo "nos dará a razón" e censura que tanto BNG como PP coincidan en criticar a convocatoria da mesa para negociar o traslado da factoría, que tampouco conta co respaldo de Marea nin Cidadáns, que o tachan de "electoralista".