O PSOE urxe a restaurar a ponte medieval entre Pontevedra e Arcade

2019090611272288247
photo_camera 2019090611272288300

A parlamentaria socialista Patricia Vilán presentou onte unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que inicie de inmediato a restauración da ponte medieval que une Pontevedra e Soutomaior cruzando o río Verdugo, en Ponte Sampaio. Vilán alerta da "situación lamentable" desta construción histórica e urxe a tomar medidas para protexela e frear o seu deterioro.

A responsable socialista reivindica un trato "acorde ao seu valor estrutural e relevancia histórica, perpetuando a memoria que a ponte significa", e mesmo solicítalle ao Goberno galego que valore restablecer as dúas construcións de pedra que se atopaban na metade da ponte e que sinalaban a separación entre as dióceses de Tui e Santiago de Compostela.

A ponte, construída cun aparello de sillería granítica, atópase actualmente invadida pola vexetación, con moitas pedras movidas e desencaixadas, e o pavimento da estrada autonómica que transcorre por ela «está levantado e rachado en moitos dos seus tramos» como consecuencia do tráfico que soporta, mentres a iluminación "roza o ridículo".

A esta situación súmanse os desperfectos que sofre cada ano o seu pretil, o último deles no pasado mes de agosto, "cando un condutor descoidado levou por diante varias pedras co seu vehículo, malia que a Axencia Galega de Infraestrutura sorprendentemente considera que o estado de conservación é aceptable".

Vilán sinala que a ponte semella remontarse á época romana, con diversas reconstrucións ao longo dos tempos, e resulta coñecida sinaladamente pola batalla do 7 ao 8 de xuño de 1809, cando as forzas da División do Miño dirixidas por Morillo derrubaron dous arcos da ponte para rexeitar o ataque do exército francés comandado polo mariscal Ney, impedindo que recuperaran Pontevedra, Marín e Tui.

Comentarios