"Quédame todo por aprender"

Tras 26 anos na banca, fundar Cronopios e adicar a vida ao balonmán, Anxo Corbillón inicia unha nova etapa como instrutor de ioga

Anxo Corbillón no seu centro de ioga en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anxo Corbillón no seu centro de ioga en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"ABRIR A librería Cronopios foi un punto de inflexión na miña vida", di Anxo Corbillón (Pontevedra, 1968). "Foi como se se rompera un precinto, como se se me dese permiso para a busca". Esa procura que comezou coa apertura da librería xunto ás súas irmás Mercedes e Margarita (9 de abril de 2009) remata, polo momento, en La Casa de Loto (www.lotopontevedra.com), na Praza de Ferrería, o centro de ioga que Corbillón vén de abrir en Pontevedra. "En realidade, quédame todo por aprender. Aquí agardo poder facelo".

A de instrutor de ioga e estudante de Psicoloxía é a última vida de Anxo Corbillón, coñecido en Pontevedra, fundamentalmente, por ter estado ligado dende sempre ao balonmán. "Comecei a xogar aos nove anos no colexio Sagrado Corazón". Seguíu, mentres estudaba a carreira de Económicas, no CD Universitario de Santiago e, posteriormente, no club Cisne. A mediados dos anos 90 foi un dos fundadores do Artai. Unha lesión no xeonllo apartouno das pistas e levouno a comezar unha carreira como adestrador. Así volveu ao Cisne e, despois, ao club feminino Seis do Nadal de Vigo. Hoxe é o segundo adestrador do Cisne. "Chamoume o presidente, Santi Picallo, para acompañar ao adestrador, Jabato [Javier Fernández], e botarlle unha man na xestión do grupo". O seu traballo pasa por axudar aos xogadores "a conectar co corpo, por exemplo". E o tema da competitividade? Como se pode compatibilizar co ioga? "Non se pode. Por iso deixei de ser adestrador. O meu obxectivo primeiro deixou de ser gañar, que tamén me gusta, claro. Pero o primeiro obxectivo é mellorar ao grupo".

"Só gozo. Non agardo nada. Quero compartir isto e nada máis"

OUTRAS VIDAS. A vida do balonmán continúa, pero outras foron quedando atrás. Unha, a da propia librería familiar, Cronopios, da que se foi desligando. Outra, a da banca, á que adicou 26 anos. "Se algo tiven claro, mentres estudaba Económicas, é que non ía traballar nunca para ningún banco", lembra. "Pero no último mes da carreira chamáronme da Caixa de Pensións de Barcelona [actualmente CaixaBank] cunha oferta de traballo moi boa e aceptei. Á fin e ao cabo, era unha caixa e non un banco (ri). Acabei pasando alí 26 anos. E alí desenvolvín tamén outra faceta importante para min, a de representante dos traballadores no comité de empresa, onde coñecín a importancia de impoñer a colaboración á confrontación".

Anxo Corbillón no seu centro de ioga en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (2)

Unha crise persoal profunda rematou con Anxo Corbillón recoñecéndose a si mesmo que "aquel non era o meu sitio" e decidindo deixalo. "Todo era perfecto en teoría. Tiña unha boa situación económica, unha boa situación familiar e, sen embargo, eu sentíame absolutamente desconectado", explica. "Non podía evitar sentir unha tristeza infinita ante a certeza, que xa tiña, de que non era este o camiño que quería facer". Volve aparecer a palabra busca. "Si, porque era o que decidín iniciar, unha busca... Non exenta de dor, de moitos momentos moi difíciles, pero necesaria". Matriculouse na carreira de Psicoloxía. Achegouse á terapia Gestalt (un tipo de psicoterapia baseada no vínculo co terapeuta e que pon o acento na responsabilidade persoal). E comezou a facer ioga tibetano. Con isto último atopouse especialmente a gusto. Decidiu profundizar e acabou no instituto que Javier Akerman (mestre Sangye Dorje) ten en Vigo. "O primeiro día xa sentín que algo me facía click dentro: era aquilo. Era aquilo o que buscaba, o que necesitaba. Era o meu sitio".

Corbillón tirou para adiante e decidiu montar un centro propio. Estes días ábreo ao público. Preguntado polas críticas que reciben por parte dos científicos as que denominan pseudoterapias, entre as que se inclúen ás veces a terapia Gestalt ou o ioga, di entender que exista un debate, pero parécelle estéril e intesado". "Ademais hai trampas. Porque claro que a ciencia vale, dicir que non vale para nada é unha parvada: vale para o que vale. Por outra parte, meter no mesmo saco todo o que non é ciencia ou responde a parámetros científicos, dende a charlatanería pura ou o vudú á psicoanálise e o ioga, non é de recibo. Eu podo falar do ioga e o que podo dicir é que é un conxunto de prácticas milenarias que pretende axudar a vivir mellor. Non cura, pero procura o equilibrio e iso sanda".

Anxo Corbillón di non agardar nada desta nova etapa. Simplemente quere vivila. "Nin sequera podo falar de que é unha paixón. É máis: é gozo. Non agardo nada. Quero compartir o que teño. E nada máis".

Comentarios