Queiman 1,1 hectárea de Monte Vivo en Verducido

O lume propagouse desde tres focos acendidos entre as 22.30 e as 3.30 horas nunha zona forestal rexenerada fai 12 anos

Un área devastada por el incendio. CEDIDA - Verducido
photo_camera Unha área devastada polo incendio. CEDIDA

Un incendio forestal propagado a través de tres focos situados noutros tantos puntos distintos e a diversas horas durante a noite calcinou pouco máis dunha hectárea de bosque en terreos da Comunidade de Montes de Verducido, segundo informou o domingo o seu presidente, Marcos Rey. As chamas foron, "loxicamente", provocadas, e obrigaron a intervir aos servizos de extinción durante unhas nove horas.

Segundo explicou Rey, o primeiro foco foi detectado sobre as dez e media da noite e queimou uns 200 metros de monte arboledo na zona de Costa da Barreira. Unha brigada forestal chegada de Pontevedra atallou as chamas.

As chamas do segundo foco, o máis grave, xurdiron sobre a unha da madrugada en Monte Redondo e calcinou unha hectárea de superficie, aproximadamente. "Xusto coincidiu que iamos levar a un veciño e non collemos ao tipo in fraganti de milagre", asegurou Rey en alusión ao autor dos feitos.

Foron os propios veciños os que iniciaron a loita contra o lume, aínda que rapidamente chegaron vos profesionais. "Estivemos os veciños de Verducido e de San Vicente coas brigadas de Pontevedra, Caldas, Moraña e Sanxenxo", sinalou.

A segunda zona queimada , casualmente, coincidiu co percorrido dunha das probas do campionato de tríatlon que se celebrou na mañá do domingo.

Aínda non se repuxeron do susto e o esforzo cando xurdiu un terceiro conato. Rey relata que "cando o lume xa estaba controlado, e practicamente extinguido, a falta do regado, xurdiu outro foco a uns 600 metros do segundo". Eran as tres e media da madrugada. "Está claro que foron provocados".

VIXILANCIA. Este foi o primeiro incendio do verán na parroquia, polo que os veciños de Verducido non quedarán de brazos cruzados. "A partir desta noite -pola pasada- volveremos facer gardas de vixilancia para sufocar os lumes o antes posible" no caso de que volvan ocorrer situacións deste tipo.

Son as mesmas accións preventivas que xa realizaron hai dous anos. Rey subliña que os danos se produciron nunha zona incluída no programa Monte Vivo, impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coas comunidades de monte para rexenerar os terreos forestais calcinados nos grandes incendios de 2006. "Este monte rexenerárase hai doce anos e limpouse hai dous".

Especialistas en incendios acudiron á zona na mañá deste domingo a recoller probas para investigar a autoría dos feitos. De momento, apuntou o presidente dos comuneiros de Verducido, non hai valoración económica dos danos ocasionados.

Foi o primeiro incendio da parroquia no que vai de verán, pero non o primeiro do municipio. A principios da semana pasada ardeu pouco menos dunha hectárea en San André de Xeve, nunha zona do monte Acibal afastada das vivendas. Ao día seguinte as brigadas contraincendios acudiron a sufocar as chamas en Alba, nunha área próxima á ITV de Barro.