"Queiran ou non, aquí estamos: somos a metade e esa metade perténcenos"

A convocada pola CIG foi a única manifestación celebrada na cidade nun ano marcado pola pandemia ►A Deputación sumouse aos actos cunha intervención artística de Celeste Garrido
Mobilización convocada pola CIG na praza da Ferrería. RAFA FARIÑA
photo_camera Mobilización convocada pola CIG na Praza da Ferrería. RAFA FARIÑA

"Seguimos aquí". Con esta declaración de intencións o feminismo pontevedrés mobilizouse, aínda que fose de xeito diferente a outros anos por mor da pandemia. "Queiran ou non, aquí estamos: somos a metade do país e esa metade perténcenos", reivindicaban as mulleres na manifestación convocada pola CIG. Este foi o acto reivindicativo que congregou a máis cantidade de xente na cidade na xornada deste luns, con arredor de 200 asistentes que se concentraron na Praza da Ferrería e cun escrupuloso cumprimento das medidas sanitarias.

Ver más | El 8-M salpica de homenajes y reivindicaciones la comarca

As participantes, que percorreron a cidade en dúas marchas diferentes, reuníronse nunha praza perimetrada, con control de acceso, dispensadores de xel hidroalcohólico e mulleres da organización indicando a distancia interpersoal de seguridade e velando polo cumprimento das medidas. Neste sentido, as participantes recordaron que, se alguén coida a vida, esas son as mulleres. "Estamos fartas de quen di apoiar o feminismo pero logo nos culpa da pandemia, prohibindo as nosas manifestacións. Non imos permitir que as mulleres paguemos a crise co noso lombo, co noso traballo de balde limpando e coidando", reclamaba a CIG no seu manifesto.

Do mesmo xeito, o sindicato lembrou as desigualdades entre sexos que aínda perviven no mundo laboral, cunha fenda salarial do 20,5% en Galicia, por exemplo. Ademais, as manifestantes destacaron que o 77% da destrución do emprego dende o inicio da pandemia foi feminino e que dende 2019 hai 10.200 galegas máis dedicadas ás labores domésticas.

Outros colectivos do feminismo pontevedrés renunciaron a realizar calquera tipo de mobilización, sendo a da CIG a única manifestación da xornada na Boa Vila. A coordinadora de asociacións feministas a nivel autonómico, Galegas 8M, non contaba con ningunha convocatoria na cidade este luns, mais si en concellos como Vilaboa.

Por outra parte, outros sindicatos como CC OO e UXT celebraron actos conmemorativos este luns. O primeiro deles convocou unha concentración polos dereitos das mulleres e, o segundo, celebrou a xa tradicional entrega de recoñecementos a unha muller traballadora. Desta vez a homenaxeada foi Sylvia Rosales, a primeira empregada de supermercado da provincia que reclamou unha redución de xornada por maternidade.

Entrega, por parte de UXT, do premio 8 de marzo a Sylvia Rosales, primeira traballadora de supermercados en reclamar unha redución de xornada por maternidade. DAVID FREIRE

A nivel institucional, a Xunta de Galicia fixo un parón na súa delegación de Pontevedra ás 12.00 horas para a lectura dun manifesto conmemorativo. Tamén na subdelegación do Goberno se presentou un vídeo conmemorativo en recoñecemento do traballo das mulleres.

A Deputación de Pontevedra reivindicou os dereitos das mulleres no 8-M cunha intervención artística a cargo da escultora Celeste Garrido, de Marín. Unha creación na que unha ducia de bolos con forma de mulleres resistían todos os golpes. "Teñen unha base esférica que fai que se poñan sempre en pé, por moitos golpes que reciban", explicaba a autora. Coa presentación desta intervención artística, que forma parte do programa da Deputación Violencia Zero, na que estivo presente a súa creadora, transcorreu a xornada de loita no ente provincial.

Acto reivindicativo organizado pola Deputación de Pontevedra. DAVID FREIRE

FEMINISMO INQUEBRANTABLE. Ao acto, que tivo lugar na avenida Montero Ríos, acudiron representantes públicas de diferentes institucións, como a propia presidenta da Deputación, Carmela Silva; a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco, e a subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba.

Garrido quixo explicar a finalidade da súa obra, que anima ás mulleres a "permanecer erguidas contra a lacra do machismo e o patriarcado". Neste sentido, decidiu que fosen doce as mulleres representadas na súa intervención para recordar que esta é unha loita que debe manterse nos doce meses do ano. A artista reivindicou o feminismo como a ferramenta para acabar co machismo, xa que pon nome e sinala realidades como o teito de cristal ou a fenda salarial. Ademais, reivindicou a presenza de artistas mulleres nos museos.

Pola súa parte, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco, recordou que o movemento polos dereitos das mulleres "non é unha moda" e que "calquera ataque ao feminismo é un ataque ao noso sistema democrático e aos nosos valores".

Pechou o acto Carmela Silva, presidenta da Deputación, nunha intervención na que defendeu que "o feminismo é inquebrantable". "Somos herdeiras de moitas mulleres que mesmo deixaron a vida para que teñamos dereitos", explicaba Silva. A presidenta provincial lamentaba a diferencia entre homes e mulleres xa dende o berce. "A eles dirémoslles que poden ser o que queiran e a nós dirannos que o noso é o privado, os coidados", lamentaba.

Así, Carmela Silva defendeu unha axenda feminista que priorice rachar con cuestións coma esta. En relación á pandemia e á polémica arredor da conveniencia ou non de mobilizacións, Silva explicou que "se alguén entende a necesidade de coidar a saúde, esas somos nós. Este 8-M somos máis reivindicativas que nunca", rematou a presidenta provincial.

Comentarios